O BNG di que a pediatría de Outes, Noia e Lousame está “desbordada” e pide medidas para frear a situación

O BNG, a través da pobrense Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentaria para, nas súas palabras, “pór fin ao desbordo da pediatría en Outes, Noia e Lousame”. Pérez criticou o feito de que só un pediatra, o de Lousame, achegue asistencia sanitaria ás crianzas deste concello e, tamén, ás de Outes e Noia. A iniciativa en cuestión é unha batería de propostas para mellorar a atención pediátrica nestes concellos.

Indican os nacionalistas que nestas semanas “as familias do concello de Outes vense obrigadas a prescindir do único profesional en pediatría do que dispón o Centro de Saúde, que neste momento atópase desfrutando as vacacións que lle corresponden e cuxa praza non se está a cubrir por substituta ou substituto algún”.

Para intentar paliar esta deficiencia, proseguen, “a Consellaría de Sanidade decide derivar aos nenos e nenas de Outes ao centro de saúde de Noia, centro que tampouco dispón do profesional de pediatría por atoparse este de baixa dende antes do verán e que está a ser cuberto por unha médica de familia durante unhas horas en xornada de tarde” e sen o acompañamento “do correspondente e necesario persoal de enfermería”.

O BNG critica que as circunstancias aínda se agravan máis se temos en conta que haxa que derivar ás crianzas de Noia ao Centro de Saúde de Lousame, “onde si conta con pediatra en xornada completa de mañá pero que está totalmente desbordada ao ter que atender nestes momentos a tres concellos”.

O BNG levará ao Parlamento unha proposición non de lei para “instar a Xunta de Galiza a cubrir de xeito inmediato as ausencias que se están a producir no servizo de pediatría dos centros de saúde de Outes e Noia e a dotar a este último do necesario persoal de enfermería que lle corresponde”.