“Monocasco e cascos, de caza” – Antón Luaces

Neste decimonoveno aniversario da entrada en augas galegas do tristemente lembrado Prestige, cómpre facer memoria de aquel novembro de 2002. Porque o de hoxe era daquela o terceiro no que nos medios de comunicación ecoaban novas de toda caste sobre o acontecido no mar, o que estaba a acontecer e, obviamente, o que podería sobrevir daquel desleixo que, os que dun ou doutro xeito seguiamos o día a día -mellor a hora a hora- dunha situación non sabiamos adiviñar e á que, verdadeiramente, ninguén poñía solución.

Cando se produciu a entrada en augas galegas do Prestige era sabido que o buque tiña problemas serios derivados, en primeiro lugar, da importante escora que rexistraba. Ao mesmo tempo, unhas condicións pouco favorables de mar e vento. E, por riba, un deixar pasar que colmou o vaso da paciencia de moita xente de mar en toda Galicia, a Comunidade máis afectada no caso de que se producira (como se produciu) unha marea negra que afectara á costa e, especialmente, aos caladoiros dos que vivían os mariñeiros do sector da pesca e as súas familias. Ese deixar pasar foi tal, que a cidadanía clamou contra unha decisión que, aínda hoxe, non se entende: o ministro de Fomento daquel tempo, Francisco Álvarez-Cascos, na compaña do presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, deixaron nas mans de persoas supostamente da súa confianza a toma de decisións a respecto do salvamento do buque petroleiro que levaba nos seus tanque máis de 75.000 toneladas de fuel pesado. Por que? Ambos os dous mandatarios optaron por se ir de caza antes que por coller o touro polos cornos seguindo os acontecementos que se producían no mar.  Sí, Francisco Álvarez-Cascos era o daquela ministro de Fomento, departamento de quen dependía a Dirección Xeral da Mariña Mercante responsable, á súa vez, do Servizo de Salvamento Marítimo. Deles dependía a aplicación do Plan Nacional de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental que fora aprobado un ano antes de que se producira a que foi a maior catástrofe medioambiental da historia de España.  Polo visto, pesou máis a afección de Álvarez-Cascos e Fraga Iribarne á caza (tamén foron grandes afeccionados á pesca) que ós efectos que para Galicia e España podería ter a presenza practicamente nas portas do noroeste peninsular dun buque vello, pouco coidado ou con mantemento escaso que, após abandonar o corredor marítimo de Fisterra, veu cara a  a Galicia co obxectivo de buscar refuxio na ría de Corcubión. 
Durante a primeira fin de semana posterior ao accidente do Prestige no mar galego, os dous mandatarios citados cobrarían -é un supoñer- unhas pezas cinexéticas máis apetecibles ca unha morea de milleiros de quilos de chapapote que, doadamente podía adiviñarse, o mar traería á costa. E chegou, vaia se chegou.  Curiosamente, nin a Álvarez-Cascos, nin a Fraga Iribarne, ningún xuíz, ningún avogado do Estado, pediron explicacións de por que este abandono das súas responsabilidades, un como ministro de Fomento, e o outro  como presidente da Comunidade Autónoma máis afectada por esa catástrofe da que aínda hoxe non se recuperou de todo Galicia e os galegos malia o feito de que “os cartiños xa están aquí” que dixera o presidente galego en Caión, abeirado polo ministro Mariano Rajoy, a quen o presidente do Goberno, José María Aznar, nomeara para dar solución ao problema que afectaba a toda España.
Como é sabido, o Prestige era un dos xa poucos grandes buques petroleiros que sucaban as augas europeas que non tiñan dobre fondo ou dobre casco. Era, polo tanto, un monocasco que debería ter prohibido realizar transportes como o que levaba a cabo naquel novembro de 2002. Mais o outro “casco” -neste caso concreto CASCOS- navegou na política española desde o PP a Foro Asturias sen que ninguén acadara respostas concretas, veraces, sobre o por que non se permitira ao capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, conducir o buque ata un punto no que poder trasvasar a carga ou poñer remedio aos problemas que viña arrastrando no costado de estribor, cunha importante fenda, e comezando xa a verter fuel polas escotillas ao mar. “Non cremos que se poida falar de marea negra”, dixo daquela Mariano Rajoy, vicepresidente e portavoz do Goberno.  E a marea negra supuxo a morte de máis de 100.000 aves, acabou con numerosos recursos mariños e tinguiu de negro máis de 2.000 quilómetros de costa.  Os 243 metros de eslora do Prestige fican repartidos en dous pecios, preto do Banco de Galicia, un monte submarino que acubilla unha moi rica comunidade de peixes, corais, esponxas e estrelas de mar que, 19 anos despois da catástrofe, están tan esplendentes como Rodrigo Rato -daquela vicepresidente e ministro de Economía do Goberno de Aznar- dixera que estaban as praias galegas.