JEALSA, The Desire Shop e José García Sánchez, premios ABE 2021

Finalmente a Asociación Boirense de Empresarios (ABE) entregou na noite deste xoves 18 de novembro os seus galardóns anuais, uns premios cos que a patronal recoñece o esforzo e a dedicación das empresas e o empresariado local a prol do impulso económico, social e mesmo cultural do concello: os premios ABE.

Fíxoo no marco dunha noite histórica e “moi especial”, celebrada no local da Pousada da Galiza Imaxinaria. Participaron máis de 150 empresarias e empresarios do concello.

Os grandes protagonistas foron a conserveira JEALSA (mellor empresa), a tenda The Desire Shop (mellor comercio) e máis o empresario local José García Sánchez, que foi distinguido co Premio de Honra da ABE.

Polo que respecta aos finalistas, foron a Librería El Cisne (finalista mellor comercio), a Estación de Servizo Garlou (finalista mellor comercio), o Restaurante Moanin (finalista mellor empresa) e a Asociación Amicos (finalista mellor empresa).

O acto foi presentado pola poeta, actriz e escritora María Lado, ante a baixa de ultima hora por enfermidade do ribeirense Quico Cadaval.

Tralo paso dos convidados polo photocall, comezou a gala coa introdución a cargo da mestra de cerimonias do acto, María Lado, na que explicou que “esta será a cuarta edición dos galardóns tralo parón forzoso do pasado ano, uns premios que naceron co obxectivo de premiar o labor daquelas empresas asociadas que co seu esforzo e dedicación contribúen día a día a crear riqueza e xerar emprego na nosa terra. Estes premios teñen mais mérito se cabe xa que son votados polos propios socios e socias da ABE, e ademais este ano inclúese como novidade un premio de honra outorgado pola xunta directiva da asociación”.

Feita a introdución, foi a quenda do presidente da ABE, Daniel García, co seu discurso inaugural, no que quixo salientar “a altísima participación acadada, xa que se bateron todos os récords logrando a cantidade de 660 votos, case 200 mais que na ultima edición” e indicou que “a proba do éxito e expectación que xeran estes galardóns é a vosa asistencia masiva hoxe, xa que non é nada doado congregar nun mesmo acto a mais de 150 empresarias e empresarios”.

O presidente da ABE tamén quixo facer balance deste 2021, “un ano complicado polas implicacións que se derivaron da pandemia pero tamén un ano esperanzador no que agardamos sexa o e lanzamento definitivo da economía local”.

Tralos agradecementos e felicitacións aos premiados, María Lado procedeu a convocar aos premiados e ás persoas encargadas de entregar os premios. A concesión dos galardóns veu acompañada de contos, chistes e anécdotas que fixeron as delicias do público.

Premio de honra

Antes de entregar o premio de honra a presentadora chamou de novo ao escenario a Daniel García que foi o encargado de introducir esta distinción. “Está é unha categoría nova nos premios ABE. Un premio que decide a xunta directiva da asociación e que trata de poñer en valor a traxectoria dun empresario ou empresaria na que a súa xestión representara un exemplo para os emprendedores da localidade e que a empresa que lidera tivera xerado riqueza e emprego en Boiro. O presidente quixo destacar algúns dos motivos que levaron á xunta directiva a outorgar este esta distinción: “Pola súa capacidade de reinvención e resiliencia en momentos de crise, pola súa traxectoria ao fronte dunha das empresas mais recoñecidas da localidade acadando unha carteira de mais de 4.000 clientes, por seguir ao fronte do mesmo negocio durante mais de 40 anos, pola súa aposta pola sustentabilidade e a responsabilidade social corporativa desenvolvendo numerosas campañas neste eido e pola súa implantación no territorio e a colaboración con numerosas entidades e colectivos sociais, culturais e deportivos”

Como dixemos, nesta primeira edición o recoñecemento recaeu en José García Sánchez, propietario de García Sánchez Boiro, S.L. que desenvolve a súa actividade como corredoría de seguros e xestora inmobiliaria. Realizada a entrega do premio, María Lado continuou coa condución da gala sendo a quenda de que o alcalde de Boiro, Jose Ramón Romero, subira ao escenario e dirixira unhas palabras nas que quixo agradecer o traballo da ABE a prol da promoción económica do concello e felicitar aos premiados.

A gala rematou coas fotos de familia dos premiados e cunha degustación de pinchos especialmente preparados para a ocasión.