A presidenta da Corporación Nacional de Mulleres na Pesca Artesanal de Chile, Sara Garrido, mantivo na mañá deste 20 de novembro unha reunión coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, na que intercambiaron distintas experiencias sobre o marisqueo en ambos os países. Na visita informouse sobre a marcha das xestións na candidatura conxunta do marisqueo da ría de Muros-Noia e “a recolección de orilla” de Chile a Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Abordouse especialmente o papel da muller no sector marisqueiro. Así, Susana Rodríguez explicou as distintas iniciativas de formación que se acometen ao longo do ano e puxo en valor a colaboración entre a Xunta e as representantes do sector. Pola súa banda, Sara Garrido destacou a gran diferenza entre ambos os países “en temas de igualdade e representatividade”, a pesar de que en agosto entrou en vigor a Lei nº 21.370 que promove a equidade de xénero en pesca e acuicultura.
Sara Garrido estivo acompañada neste encontro por Néstor Lloyd, consultor que xestiona a candidatura en Chile, e Roberto Sueiro, un dos consultores que xestiona a candidatura en Galicia.
A visita da delegación chilena continúa pola tarde cunha cita de traballo coas mariscadoras da ría de Muros-Noia, que se desenvolve na Casa do Concello de Muros, ás 16:30 horas. Unha reunión previa á visita aos bancos marisqueiros e a Lonxa de Testal, que será o mércores 1 de decembro, ás 9:30 horas. O obxectivo de ambas as accións é coñecer sobre o terreo a práctica do marisqueo en Galicia, así como compartir experiencias coas mariscadoras da ría de Muros-Noia.
