Este sábado celébrase en Rianxo a cuarta edición do Memorial Mireya Dieste

19 Novembro 2021

Este sábado 20 de novembro vaise celebrar en Rianxo a cuarta edición do Memorial Mireya Dieste. Virá da man da Irmandade da Música Galega en colaboración do Concello. Celebrarase na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal a partir das 20.30 horas, coa intervención de Clara Panas (soprano) e Javier Ares Espiño (piano).

Como dixemos, nesta cuarta edición do memorial contase coa participación da soprano moldava Clara Panas e do pianista galego Javier Ares. Ambos interpretarán un repertorio integrado por compositores galegos e portugueses do século XIX e XX, creadores de cancións inspirados nos textos de Rosalía de Castro, Cuña Novás, Salvador Golpe ou Celso Emilio Ferreiro. Alén disto, o público poderá escoitar por primeira vez en Rianxo a canción Canta, paxariño, canta, con música de Frederico de Freitas e do ilustre veciño rianxeiro Faustino Rey Romero, no centenario do seu nacemento.

Mireya Dieste

Mireya Dieste, que morreu en 2015 aos cen anos, era sobriña do ilustre escritor rianxeiro Rafael Dieste, filla de Eduardo, un dos irmáns maiores do celebrado autor de A fiestra baldeira. Mireya-Magdalena, que residía en A Coruña, pasou boa parte da súa nenez en Rianxo e logo comezou un periplo polo mudo acompañada en primeira instancia polo seu pai, que era diplomático. Mireya foi unha intérprete moi destacada de piano. Render homenaxe ás súas importantes contribucións e ao seu legado é un dos grandes obxectivos do memorial rianxeiro que leva o seu nome.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión