Dúas ducias de establecementos achegarán importantes descontos nunha nova edición da Noite Aberta de Boiro (este sábado 27)

A Asociación Boirense de Empresarios e o Concello presentaron os detalles da que será unha das grandes festas comerciais da tempada no concello: a Noite Aberta 202 que se celebra este sábado 27 de novembro.

Será, segundo fixo saber a ABE, unha edición especial na que “os ingredientes fundamentais serán os descontos, as actividades na rúa e os sorteos de agasallos”.

Respecto dos descontos, un dos piares do evento, estarán a disposición da cidadanía nos comercios adheridods até as 23.00 horas, durante toda a xornada do sábado e con horario ampliado. Participan dúas ducias de establecementos (un total de 24), que aparecerán sinalizados ante os clientes potenciais con distintivos específicos: as bandeiras rosas da Noite Aberta.

Amais, o Concello de Boiro programará actividades de animación itinerante polas rúas comerciais da vila co seguinte detalle:

-Espectáculo Tea Deusa da Luz e do Sol

Horario pase 1: 18.30 horas

Horario pase 2: 20.30 horas

Amais, a ABE estreará na noite do sábado a súa Ruleta da Sorte. Deste xeito, os clientes que realicen as súas compras durante a xornada do 27 terán a posibilidade de acadar premios directos con esta nova iniciativa da patronal boirense. A ruleta estará situada na rúa Pablo Iglesias dende as 18:00 e ata as 21:00 hs e cada tícket de compra dará dereito ás persoas participantes a realizar unha tirada coa que poderán gañar agasallos directos como cuncas, bolsas de algodón orgánico, lambonadas, xoguetes ou vales de compra de 5€. Só serán válidos os tíckets do sábado 27 de novembro dos establecementos participantes nesta edición da Noite Aberta.