“De rosarios e ovarios”. Antón Luaces

07 Novembro 2021

Foi coma unha labazada ao sol desta mañá do martes. Labazada inesperada. Unha pintada ou grafite que berraba ao mundo que o feminismo ben entendido é algo máis ca unha doutrina ou movemento social que demanda -mellor, esixe- para a muller o recoñecemento dunhas capacidades e dereitos que tradicionalmente estiveron -ben sei que xa non están, oficialmente- reservados para os homes: “Fora os rosarios dos nosos ovarios”, un berro polo que determinadas/os feministas (agora con alto cargo ministerial que vai defender no estranxeiro e por algo máis de 70.000 euros ao ano, o feminismo patrio que asume o Goberno español) expresan o seu desexo de que o rosario e todo canto este rezo tradicional católico significa se manteñan lonxe do órgano ubicado dentro da pelve feminina. Un berro que fai bo a expresión “fago o que me sae dos ovarios!” antes, durante e despois dos teus vinte misterios da vida de Xesús Cristo e da Virxe María.

Cria que este tipo de esixencia estaba superado. Pero, comentando ao respecto con xente máis nova ca min, afirman que esta “pintada” só é unha das moitas que, coa mesma demanda ou semellante, existen en cidades, vilas e pobos de toda Galicia (e en castelán, de toda España).Obviamente, ovarios e rosario riman. Obviamente, o grafite non é senon o dereito á liberdade de expresión dun colectivo ou membro dun colectivo que desbota toda posibilidade de que enxendrar un fillo poida estar relacionado  co sentimento relixioso católico (non esclusivo, por certo) dun rezo que me din comeza con 20 misterios da vida dun fillo e unha nai protaganizados neste caso polo citado Xesús Cristo e a Virxe María, no catolicismo fillo e nai. 

Difícil papeleta e nada doada solución ao dilema: “Fora os rosarios dos nosos ovarios”. Tal cal. A pintada, nunha rúa ben paseada e recoñecida dunha cidade que respira liberdade polos costados de babor e estribor, pola proa e pola popa, como cidade barco que é A Coruña, de sempre aberta ao mundo grazas ao mar que case que a circunda e ao vento que a limpa de agoiros negativos e formulacións violentas. Nesa pintada coa que me atopei de súpeto, vai implícito o recoñecemento da inxerencia católica no que ven ser a vida íntima da muller no uso dun dereito inalienable que é o ser ou non ser nai. E non digo que non sexa así, pero sei moi ben que o debate sobre ese dereito segue sen se resolver e non, exclusivamente, pola acción da igrexa católica, apostólica e romana. A formulación a respecto da aplicación dese que digo é un dereito inalienable da muller tamén fai cavilar a mulleres que para nada vinculan a súa decisión a un rosario, a un rezo, a un camiño marcado por purpurados.

E resumo: non practico relixión algunha. Son tan libre como Nino Bravo dixo era o vento. Pero coido que non é algo exclusivo da igrexa -e o rosario- o feito da utilización dos ovarios pensando na procreación ou no simple feito de gozar do que a natureza dotou á muller. E, ollo: convencido estou de que, maioritariamente, esa igrexa católica, apostólica e romana anteriormente citada negaría aínda hoxe o dereito da muller a decidir. 

Todo por unha pintada en negro sobre fondo branco nun populoso barrio coruñés, en uso do dereito á liberdade de expresión.

Outros artigos

“Pasear ou traballar”. Xulio Xiz

Antes, as sentencias cuasi filosóficas eran propias da xente de idade, adquiridas por experiencia vital. E palabra de vello era palabra sabia, material sobre o que se construíu o riquísimo refraneiro popular.A frase rotunda que orixina a miña cavilación, foi...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces inquisitoriais” – José Manuel Pena

“Xuíces inquisitoriais” – José Manuel Pena

Canto tempo lle chupou as tetas? Baixouse as bragas? Estas son algunhas das perlas e preguntas realizadas por un xuíz inquisitorial e machista a unha muller, presunta vítima de abusos sexuais. Soubémolo porque se filtrou publicamente a declaración realizada en sede...