Catro persoas resultaron feridas, unha delas evacuada en helicóptero, despois de colidir dous coches en Boiro

Catro persoas necesitaron asistencia esta mañá despois de producirse unha colisión entre dous coches na AG-11, en Boiro.

Os feitos sucederon no punto quilométrico 24, en sentido a Santiago, ao fío das nove e cuarto e foi necesario interromper o tráfico nos dous carrís de circulación neste sentido do tráfico para a aterraxe dun helicóptero medicalizado, no que unha das persoas feridas foi evacuada ao centro hospitalario de referencia. Por outra banda, as outras tres persoas foron trasladadas en ambulancia.

Foron varias as persoas particulares que alertaron do accidente ao 112 Galicia e, decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Boiro, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da autovía.

Posteriormente, moi preto das once e media, o servizo de control da AG-11 confirmou ao 112 Galicia que os dous carrís que permanecían pechados xa estaban habilitados de novo.