Aporía e Inversa Teatro recrearán en Rianxo as cousas que se poden facer para salvar o galego

O vindeiro 13 de novembro ás 20.30 horas as agrupacións Aporía Escénica e Inversa Teatro estarán en Rianxo para ofrecer, conxuntamente, o espectáculo Misión Imposible. Será ás 20.30 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal e é preciso reservar localidades (antes das 14.00 horas do 11 novembro) a través do apartado de reservas da web do Concello.

Misión Imposible ponnos na pel de dúas mozas galegas, Uxía e Xiana, que, malia non coñecerse de nada, comparten o destino común de salvar o galego da súa inminente desaparición. En palabras das compañías, Misión Imposible é “unha comedia anti heroica para toda a familia que pretende abordar a problemática do galego fuxindo dos clixés canónicos da identidade para achegarse a ela desde a profundidade intelectual que ofrece a sátira e o sarcasmo para integrar as contradicións da realidade da nosa terra”.

Ficha artística

Creación, dirección e Interpretación: Diana Mera e Marta Pérez
Espazo Sonoro: Francisco Gallardo
Produción: Aporía Escénica & Inversa Teatro