A homenaxe artística a Curros Enríquez impulsada polo Museo do Gravado de Artes chega ao Museo de Guarda (Portugal)

Este 11 de novembro inaugurouse no Museo de Guarda (Portugal) a exposición Aires d’a miña terra – Gravado V33, pertencente aos fondos do Museo do Gravado de Artes (Ribeira). Estará aberta ao público ata o 28 de decembro.

Trátase dunha mostra de 26 pezas realizadas polo colectivo de artistas que, baixo a orientación do profesor catedrático de Deseño e Gravado da Universidade de Salamanca, José Fuentes, ilustran a histórica e senlleira obra do poeta galego Manuel Curros Enríquez (1851-1908). Este fito literario serviu de punto de partida para o proxecto artístico colectivo impulsado polo Museo do Gravado, a través do cal os creadores ensaiaron unha interpretación artística dese universo literario, “privilexiando así o diálogo entre a poesía e as artes visuais”, segundo destaca a dirección do Museo de Guarda.

Coa exposición Airiños d’a miña terra. O gravado V33 o centro ribeirense quixo conmemorar o 140 aniversario da publicación da devandita obra capital das nosas letras, obra do ilustre poeta Curros Enríquez, peza fundamental do noso Rexurdimento.

Para esta edición, o museo ribeirense contou coa colaboración da Real Academia Galega, que emprestou a primeira edición orixinal da obra de Curros, o que axudou a elaborar este volume con gravados realizados mediante o sistema patentado polo catedrático da Universidade de Salamanca José Fuentes, denominado V33. Trátase dun sistema innovador para o estampado que se caracteriza pola achega dun composto material baseado no carburo de silicio, o carborundo, que non resulta contaminante, o que permite traballar en espazos pechados e crear gravados en positivo.