A filóloga pobrense Ana Boullón ingresará na RAG nun acto institucional na súa vila (o 11 decembro)

29 Novembro 2021

A RAG (Real Academia Galega) vén de comunicar que o vindeiro 11 de decembro celebrarase a sesión pública de ingreso como membro de número da institución de Ana Boullón Agrelo. O acto desenvolverase a partir das 12:30 horas no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal (rúa Rafael Calleja, 51), localidade natal da filóloga.

A ata o momento académica electa lerá o discurso titulado Todos os nomes: identidade, pobo, país, ao que lle dará resposta o académico Ramón Lorenzo Vázquez. Ana Boullón Agrelo ocupará a cadeira vacante tras o pasamento de Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936 – Vigo 2020) en marzo do ano pasado.

Ana Boullón Agrelo é profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, e unha investigadora de referencia no eido da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía. En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración coa Academia se remonta aos anos 90 do século pasado. É tamén membro de varias asociacións científicas e presidiu a Asociación Galega de Onomástica, na que segue a formar parte do equipo directivo.

Segundo destaca a RAG, a académica electa ten publicado textos medievais non literarios e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e tamén é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado. Formou parte, entre outros, dos equipos que promoveron ferramentas informáticas en liña para o estudo do léxico medieval (Dicionario de dicionarios do galego medieval) e planificou xunto a Xulio Sousa a Cartografía dos apelidos de Galicia, esta última por encarga da Real Academia Galega.

Na actualidade, tamén por encarga da Real Academia Galega, está a coordinar a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, que se atopa en fase de revisión; e a posta en marcha da Guía dos nomes galegos, que estará dispoñíbel na páxina web da Real Academia Galega e coa que público poderá facer pescudas sobre os nomes propios.

Con anterioridade, dirixiu o equipo que elaborou Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización (RAG, 2016) e foi coordinadora de distintas edicións da Xornada de Onomástica Galega, que a Academia celebra anualmente dende 2016.

Ana Boullón presentou os seus traballos en máis de corenta encontros estatais e internacionais, dende a Universidade de Santiago de Compostela e outras universidades españolas ata as de Bahia, Leipzig ou Torino; realizou estadías nas universidades e Oxford, Trier e Queen Mary (Londres) e colabora como consultora en proxectos de investigación do Brasil e dos Estados Unidos, ademais de participar en diversos proxectos estatais e internacionais. As súas achegas abranguen ademais outras publicacións orientadas á divulgación, faceta que cultiva tamén con colaboración periódicas no Portal das Palabras ou no espazo audiovisual O Seminario de Onomástica responde.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Recado de escribir para Julio Cortazar”. Alberto Barciela

“Recado de escribir para Julio Cortazar”. Alberto Barciela

Artículo de inauguración del VII Congreso de Editores Europa América Latina Casa América, Madrid, 18 de marzo de 2024 Estimado Julio Cortázar, admirado maestro, Confío en que en la vastedad del universo, al menos del inmemorial te alcancen estas reflexiones. Si te...