O Plan Único da Deputación da Coruña vai investir máis de medio millón de euros na humanización de rúas en Porto do Son, concretamente en Nebra e na rúa Santa Irene, ao que se engadirá a construción dunha beirarrúa que mellorará a seguridade peonil entre os núcleos de Arnela e Abuín. “As actuacións darán máis protagonismo aos peóns e mellorarán a estética destes lugares con materiais acordes ao entorno, amais de recuperar lugares de calidade e espazos adicados á cidadanía”, sinalou a entidade provincial. Os proxectos atópanse en fase de licitación ata o vindeiro día 1 de decembro.
O municipio de Porto do Son financiará a través do Plan Único (POS+2020) da Deputación as actuacións que devolverán o protagonismo ao peón no núcleo rural de Santa María da Igrexa, en Nebra, que contarán cun orzamento total de 201.036 euros, dos que o ente provincial achegará 193.600 €. A través da iniciativa, renovarase a pavimentación da contorna e incrementarase a accesibilidade dos seus espazos públicos, adaptándoos así ás necesidades actuais da poboación.

“As obras”, sinalan fontes da entidade provincial, “permitirán pavimentar o lugar con enlousado de granito silvestre, deixando no eixo central unha rigola pétrea que se alternará con embornais cando resulte preciso para a condución de augas pluviais”. Así mesmo, explican, “levarase a cabo a canalización das redes eléctrica e de telecomunicacións, ocultando deste xeito as instalacións vistas que danan a imaxe da zona”. A maiores, colocaranse varandas e pasamáns de aceiro inoxidábel en puntos con dificultade por mor das pendentes ou o forte desnivel. Os traballos complementaranse co ocultamento de elementos visuais que afean a zona (tapando os contedores con estruturas de madeira para mellorar a imaxe) cun cambio integral na iluminación (colocando farois exentos nos espazos onde non haxa construcións próximas, farois colgados con cable para os estreitos entre casas e de parede para os que conten coa presenza de edificios en só un dos seus lados”.
O prazo de execución das tarefas de humanización é de seis meses.
En Santa Irene
Dentro das actuacións, inclúese a creación de novos espazos para o tránsito peonil na rúa Santa Irene, unha vía de sentido único na que conviven tráfico rodado e de persoas, así como unha zona de aparcamento sen delimitar. Co obxectivo de mellorar a accesibilidade e as condicións de seguridade, construirase unha nova beirarrúa de formigón e granito no primeiro tramo da rúa, creando un percorrido continuo entre a rúa Avellaneda e o acceso ao pavillón polideportivo. Tamén se pavimentará a zona cunha capa de aglomerado asfáltico con pendente transversal para a canalización de pluviais.
Os labores tamén inclúen o pavimentado da zona fronte ao pavillón polideportivo así como a proxección de novo mobiliario, como árbores, bancos e farois, así como unha marquesiña de aceiro laminado con acabado exterior de madeira de pino para protexer ás persoas usuarias do polideportivo. Á súa vez, incorporaranse postes de pedra para garantir a seguridade dos peóns (bolardos), papeleiras e un aparcabicicletas.
Nesta zona, o proxecto contribuirá á substitución dos condutos, arquetas e pozos das instalacións subterráneas existentes por unhas novas, mellorando o saneamento e abastecemento de auga para consumo. Asemade, engadiranse instalacións novas como as de telecomunicacións e soterraranse as de electricidade, alumeado e telefonía. O Plan Único da Deputación achegará 174.994 euros dos 179.286 euros do total deste proxecto, que conta cun prazo estimado de execución de 16 semanas.
Nova beirarrúa entre os núcleos de Arnela e Abuín para mellorar a seguridade na contorna
A Deputación tamén financiará a nova beirarrúa entre Arnela e Abuín, tendo en conta que “na actualidade o treito de estrada AC-550 entre os dous núcleos conta cunhas marxes estreitas que non permiten a circulación de peóns en condicións de seguridade entre os núcleos rurais de Arnela, O Lagarto e Abuín”.
As tarefas, que contan cun orzamento total de 130.388 euros (dos que o ente provincial achega 114.000 euros), levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 89+910 e 90+245 e dividiranse en tres tramos. No primeiro, executarase o camiño continuando a beirarrúa existente con formigón armado, sobre o que se proxectará un muro de contención no que se colocará unha varanda de aceiro. No seguintes dous tramos a beirarrúa discorrerá pola marxe esquerda, e baixo dela executarase unha rede de pluviais e substituiranse dúas tapas de pozos de saneamento. As obras inclúen un novo emprazamento para os sinais viarios existentes. O prazo de execución das tarefas será de doce semanas.