A Cesta Benvida elaborada por AMICOS incluirá este inverno produtos tecidos a man polas usuarias da Casa do maior de Punxín

A conselleira de Política Social participou hoxe no acto de entrega na fábrica social de traballo Amicos, que se encarga da súa elaboración

A conselleira de Política Social, a ribeirense Fabiola García, participou hoxe no acto de entrega dos 2.000
produtos de lá que realizaron as usuarias da casa do maior de Punxín para incorporar á Cesta Benvida. Alí destacou que o Goberno galego renovou o deseño desta caixa e incorporou agasallos elaborados a man por usuarios de 21 entidades sociais galegas de xeito que se implique a toda a sociedade na benvida das nenas e nenos de Galicia.
A Cesta Benvida leva anos acompañando a todas as galegas e galegos desde que nacen. Dentro desta caixa, que as nais e pais reciben no hospital, as Consellerías de Sanidade e Política Social incorporan produtos que lles poden ser de utilidade durante os primeiros meses da nena ou neno.

Da súa elaboración encárgase a entidade social Amicos, con sede en Boiro, e nela incorpóranse os produtos que se realizan en distintas organizacións por toda a Comunidade.
As usuarias da casa do maior de Punxín entregaron esta mañá persoalmente os gorriños e patucos de lá que estiveron elaborando durante os últimos meses para que Amicos os incorpore ás Cestas Benvida que se entregarán este inverno. A conselleira sinalou que deste xeito búscase tecer un fío invisible que conecte ás persoas con discapacidade,
ás persoas maiores e aos pequenos que nacen en Galicia. Un xeito, en definitiva, “de facer de Galicia un lugar máis acolledor”.

A conselleira de Política Social participou hoxe no acto de entrega na fábrica social de traballo Amicos, que se encarga da súa elaboración