A axenda pobrense do 25-N pon o foco esta semana no alumnado de secundaria

Proseguen na Pobra do Caramiñal as actividades programadas pola Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no 25 de novembro. De feito, o Concello programou unha completa axenda de citas culturais, xornadas e mobilizacións que cubrirán a práctica totalidade do mes de novembro. Esta semana, porase o foco no ámbito educativo: no IES da Pobra.

Presentación do programa de actividades da Pobra con motivo do 25-N

Neste centro de secundaria achegarase ao alumnado a charla Prevención do acoso nas redes, que ofrecerá a Garda Civil a 4.° da ESO, no día 23; un obradoiro de Educación Afectivo-Sexual, dirixido a 3.° da ESO e impartido ó abeiro do programa Quérote+, da Xunta, no día 25; e o obradoiro Acoso rueiro, destinado a 1.° de bacharelato da man da Fundación Mujeres, no día 26.

Ademais, no día 27, ás 18.30 horas, procederase no Auditorio do Museo Valle-Inclán co vídeo-palestra Violencia vicaria, que consistirá na proxección e charla coloquio da campaña DE FRONTE á violencia de xénero, da Deputación da Coruña, así como coa entrega de premios do concurso Lemas ilustrados para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, no cal aínda se pode participar ata as 15.00 horas deste 22 de novembro. As recompensas serán bonos de compra na plataforma dixital www.deanshop.es, que sumarán 420 euros. As bases proseguen ó dispor na páxina web www.apobra.gal.

Outras das actividades que se desenvolveron ao longo do presente mes enmarcadas na programación posta en marcha polo 25 de novembro foron unhas xornadas formativas para persoal técnico do Concello e da Policía local, así como para persoal docente; a sétima edición das Xornadas de Muller e Ciencia; un obradoiro STEAM para as crianzas (as siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas); e un contacontos infantil para os/as escolares da educación infantil que percorreu os colexios do municipio.

Cómpre lembrar que a Administración local pobrense se atopa adherida á campaña De Fronte á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña, ademais de formar parte da En negro contra as violencias, á cal leva subscrita varios anos.