Unha charla en Lousame mostra as principais causas de accidente nos deportes na natureza e como evitalas

18 Outubro 2021

Unha trintena de persoas asistiron en Lousame ás xornadas formativas gratuítas sobre nutrición e planificación en montañismo. Tocáronse as principais cuestións que debemos ter en conta para desenvolver actividades na natureza coa máxima seguridade e evitar accidentes, como por exemplo a sobreestimación das posibilidades, a falta de nivel técnico e falta de planificación da actividade. As xornadas viñeron da man do Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello e a Federación Galega de Montañismo. Reuniron a unha trintena de deportistas na Casa da Cultura de Lousame.

Interviñeron especialistas como Joaquín F. Gómez, profesor da Escola Galega de Alta Montaña, quen reflexionou sobre a conveniencia de planificar as actividades na natureza. “Pola pandemia, milleiros de persoas botáronse a camiñar pola natureza e atopámonos cun 20% máis de visitas ás contornas naturais. Isto supón tamén un incremento dos accidentes”, advertiu Joaquín F. Gómez.

Entre os datos que ofreceu figuran que o maior número de accidentes teñen lugar cando se vai en parella ou cando se vai en grupos de máis de 3 persoas. “O 75% dos rescatados non están federados e o 58% é por sendeirismo, que é quizais onde máis se baixa a garda”, explicou. Por idades, o maior número de accidentes teñen lugar en persoas de entre 19 e 50 anos, sendo o 29,83% persoas de 31 a 40 anos. “Os precursores dos accidentes son a falta de planificación, a sobreestimación das posibilidades, a falla de nivel técnico, a falta de preparación física e o uso de material inadecuado”, concluíu.

Pola súa banda, Adrián Maroñas, educador físico, readaptador de lesións e dietista-PNI, falou sobre educación nutricional para deportistas. Maroñas fixo fincapé en que “hai unha diferente forma de comer en función do deporte”, deixando dende o principio moi claro que “conseguir rendemento non é igual a saúde”. O relator explicou que hai tres tipos de deportes: fosfaxénicos, glucolíticos e oxidativos.”Nos fosfaxénicos e glucolíticos estamos falando de esforzos curtos e intensos, polo que podedes comer case o que queirades. Outra cousa diferente é co deporte oxidativo, como as carreiras ou o sendeirismo, onde a comida é vital”.

Outros artigos

Incendio na planta de reciclaxe do Concello de Lousame

Os bombeiros dos parques Provinciais de Boiro e Ribeira traballan neste momento na extinción dun incendio que se declarou na planta de reciclaxe Servia, do Concello de Lousame. Ata o momento os danos son unicamente materiais. O incendio localízase na zona onde se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión