“Repolos de Betanzos e máis cebolas”. Antón Luaces

05 Outubro 2021

Teño que dicir que non son seguidor cotián do programa de TVE 1 “Masterchef” (e menos cando se trata da cociña protagonizada polas denominadas “celebrites”). Máis do mesmo xeito hei dicir que teño feito seguimento de parte dese programa semanal que concita, ao parecer, o interese dunha boa parte da audiencia televisiva española.

Este luns, día 4 de outubro, os escenarios nos que se desenvolvía o programa eran propios de Galicia. Concretamente, da cidade da Coruña: un restaurante ubicado no monte de San Pedro, o mercado municipal da praza de Lugo e a Torre de Hércules. O tempo, todo hai que dicilo, non axudou nada nos exteriores malia estar rodado este capítulo o pasado mes de xuño. No plató, xente do cine, da radio, da tv., humoristas, unha moza galega, un cantante… xente, en fin, á que se dirixían os presentadores cotiáns deste espazo de tanta audiencia: Samantha, Pepe e Jordi. Estes, para min, que incorreron neste último capítulo nun lamentable, noxento (REPITO, PARA MIN)  espectáculo: tentar facer grazas con ese ton tan absurdamente estúpido que empregan os non galegos cando nos queren imitar a nós.

Seica lle sentou mal a néboa?. Subiríalles o noso viño, afeitos como deben estar a beber do seu?. Sentíronse absurdamente galegos poñendo un “acento” -como din de nós, os galegos- que os identifique cos que estamos e somos deste curruncho do noroeste de España?.

Mal, moi mal, Samantha, Jordi e Pepe. O de vostedes pode ser a cociña, que seguro que a bordan, e as estrelas Michelin, pero a comicidade non se gaña ridiculizando a un pobo de tal xeito que nos fixo sentir -sei que non son o único que se cabreou co feito- malamente trasladados á pequena pantalla de xeito tal que nin o propio Jordi (que é catalán) se atrevería a facer cos seus como o fixo cos galegos. Samantha, que é madrileña, non marcaría os dicires dos seus paisanos , como tampouco o faría Pepe cos seus coterráneos toledanos de Illescas, uns e outros con estereotipos ben significados entre os seus paisanos. 

Por que non o fixeron en Catalunya?. Por que non o fixeron en Euskadi?. Por que no o fixeron en Madrid?. Talvez porque saben que se lles viría enriba a de Deus é Cristo?. 

Non, non estiveron vostedes moi finos. Non merecen, no que atinxe a Galicia, un mandil branco. Nin unha culler de prata. Galicia e os galegos non nos merecemos ese ridículo “acento” co que se retrataron a vostedes nun papel que non lles corresponde e porque, insisto, a súa comicidade ben a podían esplotar no seu restaurante madrileño. 

Nós, os galegos, cantamos aos chícharos e ao arroz, ás patacas novas, repolos e máis cebolas, que nos gustan. Non desmerecemos dos bascos, dos cataláns, dos madrileños, ou dos toledanos; temos unha gastronomía cunha sona ben gañada, e uns produtos que todo deus alaba. E o noso idioma, o noso “acento”, son nosos, Samantha, Pepe e Jordi. Respecto é o que pedimos. E se lles fai gracia o noso “acento”, fagan o favor: valoren o que os galegos somos máis aló do que no Madrid dos anos 50 representaba no cine Xan das Bolas. Vai sendo hora.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...