Os socialistas de Noia preguntarán ao Concello sobre a falta de actividade da depuradora de Ponte Nafonso

Os socialistas de Noia van solicitar en pleno da Corporación local a posta en marcha da depuradora instalada en 2020 en Ponte Nafonso. Ademais, preguntarán ao Goberno local cales son as razóns “polas que aínda está sen funcionar un ano despois”, anuncian.

Recentemente o voceiro socialista Roberto Iglesias fixo unha visita á instalación, acompañado de veciños do lugar. Segundo informa, nesta toma de contacto puido comprobar que os vertidos alí presentes “non foron eliminados” e, engade, “un ano despois de que o Concello recibise a infraestrutura construída nunha obra do POS da Deputación da Coruña, segue sen funcionar”.

Roberto Iglesias indicou que “é responsabilidade do Goberno local poñer en funcionamento a depuradora de Ponte Nafonso. Esta é unha mostra máis de que o Executivo funciona soamente a golpe de propaganda, vendendo que se vai a eliminar un punto de vertido, e resulta que ao longo deste tempo non foron capaces de poñela a funcionar, e eliminar as verteduras ao carón das casas”.

O voceiro socialista incidiu en que “o saneamento da ría de Noia é unha necesidade totalmente prioritaria, non pode ser que o primeiro que non fai as súas tarefas sexa o Goberno local, por iso imos a solicitar explicacións por esta demora en eliminar o vertido deste lugar”. O PSOE de Noia tamén puxo o foco na existencia doutros dous puntos contaminantes na contorna de Ponte Nafonso, ao inicio da ponte medieval.