Os Premios Youtubeiras pechan este 22 de outubro o prazo de inscrición para a súa quinta edición

20 Outubro 2021

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (entre os que se atopa o de Rianxo), das tres universidades e da Deputación da Coruña, pechan esta sexta feira (venres) 22 de outubro, ás 23:59 h. o prazo de inscrición para a súa quinta edición, que, como as anteriores convocatorias, ten o obxectivo de encher as redes de contidos en galego, normalizando a presenza da nosa lingua nas contribucións que a nosa mocidade fai ao universo en liña (e facendo especial fincapé no Youtube, tal e como se alude no nome do certame).

Os galardóns divídense nun total de 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Como gran novidade e co obxectivo tanto de fomentar a creación coma o mantemento de canles, non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores. Así, segundo sinalan as entidades organizadoras, poderán aspirar a gañar os galardóns nesta ducia de categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

O xurado e a decisión do público

Once das doce categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras serán decididas por un xurado profesional que analizará todas as propostas recibidas. O sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsábel do programa #DígochoEu da Televisión de Galicia, conformarán o xurado que, a partir da próxima edición, incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor youtubeiro/a.

No caso do premio do público, publicarase o próximo 25 de outubro un formulario de votación (na plataforma Easypromo) con todas as propostas recibidas que se difundirá a través das redes sociais de Youtubeiras e que estará habilitado até o 3 de novembro ás 23.59 h. Os tres vídeos que reciban máis votacións nese prazo pasarán ao xurado dos premios, que ratificarán a votación do público, tendo en conta que o vídeo máis votado cumpra as bases xerais.

Unha vez máis, o certame vén da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

Outros artigos

Noia celebra un obradoiro básico e práctico de lingua galega

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Noia pon en marcha unha nova actividade dirixida a persoas adultas interesadas en iniciarse no uso oral e escrito do galego: un obradoiro básico e práctico de lingua galega. A actividade formativa será de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.