O PBBI quere que siga facilitando sen traba algunha a pesca deportiva para os xubilados

O Partido Barbanza Independente (PBBI), a través do concelleiro portavoz Vicente Mariño de Bricio, vén de presentar unha moción para ser debatida en pleno relativa aos novos regulamentos da pesca deportiva que se están a materializar nos portos galegos, entre eles o de Ribeira. Na proposta a agrupación quere facerse eco do malestar dos pescadores deportivos a respecto das ditas limitacións, “sobre todo dos nosos maiores”, e pon o foco no custe do seguro obrigatorio que terían que aboar para seguir levando a cabo a dita práctica. Segundo fan saber, “non temos ningún coñecemento de que se sinale a algún xubilado como autor dalgún dano nos aveños portuarios, por tanto, entendemos que non habendo dano nin o menor indicio de poder facelo non existe ningún risco”.

E engaden: “Dende o PBBI solicitamos aos grupos desta Corporación que a norma ditada por Portos de Galicia require un cambio total posto que non se pode esixir aos nosos maiores unha serie de gastos máis. En todos os nosos portos e dársenas sempre conviviron sen problema algún a pesca deportiva e a actividade pesqueira, por suposto entendemos que hai zonas de carga e descarga que deben estar libres, pero o que se pretende prohibir denota un trato vexatorio por parte de Portos aos vellos pescadores de cana”.

A agrupación tamén expón que é preciso que Portos e a Xunta “mostren respecto aos pescadores xubilados, despois de en moitos casos case 50 anos de esforzo diario para as súas respectivas familias”. E engaden: “Entendemos que exercer algún tipo de actuación contra os xubilados que se achegan aos nosos peiraos ou ramplas, implica unha prepotencia que non debe ser propia da administración, aínda que de todos é sabido que prepotencia hai moita en diferentes ámbitos”.

En base a isto, o partido solicita os seguintes puntos:

1- Modificación da resolución da Xunta de Galicia do 26/.7/2.21, que levanta a prohibición recollida na lei 6/2017do 12 de decembro e en cuxo anexo III, clasifícase o Porto de Ribeira como uso non permitido.

2- Eliminar a obrigatoriedade da declaración responsábel para os xubilados.

3- Eliminar pólizas de seguro para os xubilados.

4- Deixar clasificadas como libres as zonas nas que sempre se pescou e que nunca prexudicaron os labores portuarios.