O Goberno e SEA destacan o “forte impulso” dado polo Executivo central á economía do Barbanza

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo este 13 de outubro unha xuntanza de traballo coa xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, na que avaliaron os diferentes proxectos que o organismo participado polo Ministerio de Transportes desenvolve na provincia coruñesa. Na reunión analizaron a situación do sete parques empresariais que xestiona SEA, na provincia da Coruña, situados nas localidades da Laracha, Cee, Malpica, Vimianzo, Muros, A Pobra do Caramiñal e Rianxo, e que suman 2.037.390 metros cadrados.

A subdelegada do Goberno resaltou o impulso que Beatriz Sestayo deu á entidade, “xa que no que vai de ano triplicou as operacións comerciais pechadas con empresas para a súa instalación en polígonos da provincia da Coruña, o que sen dúbida é un impulso determinante á economía dá Costa da Morte e do Barbanza”.

Neste sentido, destacou diversas actuacións desenvolvidas por SEA, por exemplo a posta en marcha en varios polígonos dunha oferta de solo en dereito de superficie, a modo de aluguer con opción de compra, “nun mecanismo que pretende fomentar o emprendemento e facilitar a instalación de empresas co obxectivo prioritario de crear emprego”, salientou, engadindo que esta iniciativa fixo posíbel incluír a oferta de parcelas de 1.000 metros cadrados ao prezo de 90 euros mensuais para emprendedores. Esta oferta afecta a 64 parcelas, con máis de 72.000 metros cadrados, nos polígonos de Vimianzo, Cee, Malpica e Muros. “É sen dúbida unha aposta forte pola creación de emprego e polo apoio aos emprendedores, facilitándolles a implantación nos polígonos da súa contorna ao pór no mercado adoito a un prezo moi vantaxoso, o que tamén é unha reactivación para estes núcleos industriais e empresariais”, indicou María Rivas.

Outras das cuestións abordadas foi a necesidade de dotar dun acceso directo do Polígono de Vimianzo coa prolongación Autovía da Costa da Morte, tal como lle solicitaron SEA e o propio Concello de Vimianzo á Xunta de Galicia, así como a posibilidade de desenvolver unha plataforma loxística no polígono de Leixa, en Ferrol, onde SEA dispón de 240.000 metros cadrados, xa “que se trata dunha iniciativa que entra de cheo no obxectivo de reindustrialización de Ferrolterra e pode supor un motor de desenvolvemento económico para a comarca”.