O Centro Tecnolóxico do Mar cumpre 20 anos como referente internacional na investigación mariña coa participación en preto de 600 proxectos

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, conmemora o seu vinte aniversario como referente internacional na investigación, o desenvolvemento e a innovación no sector marítimo-pesqueiro a través da súa participación en preto de 600 accións neste eido desde a súa creación. Para poñer en valor este labor, a sede do centro acolleu hoxe un acto conmemorativo no que participaron a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda.

Neste evento, no que tamén estiveron os membros do Padroado da Fundación, os antigos directores, socios, colaboradores e antigos traballadores, púxose en valor o labor que o Cetmar vén realizando desde o 2001 a prol da mellora do medio mariño, dos seus recursos e de todos os sectores que viven del, fomentando a innovación e a sustentabilidade ambiental, social e económica.

Durante estes 20 anos de traxectoria, a institución galega traballou da man de máis de 1.800 socios de preto de 60 países e colaboradores dos ámbitos da investigación, da universidade, da Administración, así como das empresas e asociacións e entidades vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro. Este labor estendeuse ao eido da cooperación internacional nunha vintena de países de África e América Latina, onde o Cetmar colaborou no reforzo dos sectores produtivos da pesca e da acuicultura rural, ou no desenvolvemento de plans estratéxicos e de formación. Deste xeito o centro participou en numerosos consorcios cun equipo multidisciplinar de preto de 300 traballadores con experiencia nos ámbitos marítimo-pesqueiro e acuícola.

O Centro Tecnolóxico do Mar cumpre 20 anos como referente internacional na investigación mariña coa participación en preto de 600 proxectos

Liñas de traballo

A traxectoria desta institución fixo posible a execución de proxectos e servizos en diferentes liñas de traballo para as que contou con máis de medio cento de fontes de financiamento a través de diferentes programas nos ámbitos autonómico, nacional, europeo e internacional. Entre esas liñas de traballo están a loita contra a contaminación mariña, a xestión sostible dos recursos mariños, a valorización de subprodutos e a seguridade alimentaria.

Outras áreas das iniciativas desenvolvidas polo Cetmar son a monitorización mariña e costeira, o desenvolvemento de novas tecnoloxías para o estudo do medio mariño, a formación marítima e a divulgación da cultura oceánica e do coñecemento no ámbito da socioeconomía da pesca en diferentes aspectos relacionados coa gobernanza, a xestión pesqueira ou os mercados.

Durante a conmemoración das dúas décadas de traxectoria deste centro, a secretaria xeral técnica, Silvia Cortiñas, destacou o importante papel do Cetmar como aliado do mar de Galicia, fundamentalmente dos seus profesionais. Grazas ao seu labor, especificou, é unha realidade a tripla hélice dos proxectos orientados á protección do litoral galego a través da loita contra a contaminación mariña, da prevención e mitigación do lixo mariño e a vixilancia da contorna con labores de monitorización e co desenvolvemento de novas tecnoloxías.