O alumnado de 1º de Bacharelato do IES número Un de Ribeira participará esta semana nunha serie de visitas guiadas á exposición Carvalho Calero, situada na explanada do porto de Ribeira.
Esta iniciativa vén da man do Servizo de Normalizacion Lingüística, que se puxo ao dispor dos centros de ensino de Ribeira para realizar estas visitas. O obxectivo é que os mozos e mozas coñezan dun xeito ameno a figura de Carvalho Calero, a súa xuventude, a familia, a súa contribución ao galeguismo, a guerra e os seus estudos e significación do mundo galego e da lusofonía.
Os alumnos achegaranse a visitar a exposición en catro grupos, o día 13 de outubro, ás 9.00, o día 14 ás 9.00 e o día 15 ás 9.00 e tamén ás 13.45. Tras rematar a actividade entregarase ao centro un exemplar cedido pola Deputación da Coruña para os fondos da súa biblioteca.
Recibirán a publicación en banda deseñada Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra, de Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez e Certificar a historia. Escritos sobre Carvalho Calero de Pilar García Negro, na que se aborda a obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2020.