Multa de 600 euros por pedir ser atendido en galego durante un cribado en Rianxo

A plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística fixo pública hoxe a sanción á que foi proposto un cidadán por, aparentemente, reclamar ser atendido en galego durante un cribado celebrado en Rianxo. Desde A Mesa denuncian á Delegación do Goberno de España en Galicia por propoñer unha multa de 600 euros despois de que o sancionado recibise “unha negativa rotunda a ser atendido na nosa lingua” ademais de que, ao parecer por estes feitos, “chegóuselle a negar a realización do cribado”.

Ante a súa indignación, interveu a Policía Local, que non só non lle recoñeceu o seu lexítimo dereito a ser atendido en galego, senón que -segundo consta no mesmo informe policial- instouno a cambiar de lingua e empregar o castelán”, sinalan no comunicado da Mesa, á vez que remiten ao auto policial no que os axentes estiveron “a tentar explicar a esta persoa que ambas as linguas son cooficiais na Comunidade Autónoma”.