O alumnado do programa de emprego O Pote II, promovido polo Concello de Ribeira, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo, e o alumnado de segundo curso de Ciclo Medio DUAL de Elaboración de Produtos Alimentarios do CIFP Coroso vivirán mañá venres, entre as 9 e as 13.30 horas, unha xornada de confraternización na que compartirán os distintos puntos de vista na preparación dun alimento.
Se días atrás eran os alumnos e alumnas do CIFP Coroso os que visitaban as cociñas de O Pote para unha xornada de show cooking, nesta ocasión o alumnado do Pote II poderá ver un enfoque máis industrial na elaboración de mexillón en conserva nos talleres do CIFP Coroso.
O Consello Regulador do Mexillón de Galicia, a través da responsable do Departamento de Marketing e Promoción, Gabriela André, contribuíu aportando a materia prima, que o alumnado empregará para preparar mexillóns en escabeche e en salsa de vieira. A parte da maquinaria empregada na súa elaboración, como pode ser a pechadora ou o autoclave, os alumnos e alumnas cubrirán partes de elaboración para rexistrar os parámetros máis importantes
no proceso, e tamén verán os controis necesarios para garantir un produto de calidade.
Neste senso, o alumnado tamén terá a oportunidade de visitar a nova aula tecnolóxica do centro de FP que conta cun laboratorio de biotecnoloxía e microbioloxía, financiado polo Plan estratéxico da Formación Profesional do Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Xunta de Galicia. Dito laboratorio consta, entre outro equipamento de vangarda, dun termociclador para levar a cabo PCRs e un biorreactor para o cultivo de microorganismos e produción de encimas e aditivos; complementando o laboratorio xa existente no CIFP Coroso de análise físico-químico de alimentos, o que dota a este centro cun espazo único para a formación dos futuros traballadores do sector na zona.
