“As illas Canarias e Galicia”. Antón Luaces

24 Outubro 2021

Desde moitos anos atrás existe un fondo vínculo sentimental, fraternal, entre canarios e galegos. A estes, os naturais  das illas denominaron sempre “peninsulares” e, cando algo non ía de todo ben -lembro un partido de fútbol no estadio insular de Las Palmas entre o equipo local e o Murcia, con Montes (galego) de porteiro do equipo grancanario, encontro moi desputado  e que gañaron os locais-  eramos “godos”. Saiamos do estadio -daquela a medio construir- meu pai e dos compañeiros seus de traballo, e máis eu, un cativo de poucos anos -6 recén cumpridos- con moita curiosidade pero sen coñecemento ningún de nada que non fose chuchar cana de azucre ou lamber unha tostada de nata de leite de cabuxa (leite de vaca non había daquela na illa). 

Ao sairmos do recinto deportivo, un dos amigos de meu pai,  canario ata os miolos, dixo: “Para ser godo, nuestro portero no lo hizo mal”. Meu pai sorríu e respostou: “Los godos, amigo Correa, y más todavía si somos gallegos, servimos incluso para que ascienda a primera división la Unión Deportiva”. Poucos días despois, o volcán San Juan (coñecido tamén como o Nambroque e Las Manchas) entraba en erupción na illa de La Palma. 

Era o ano 1949. Na dorsal de Cumbre Vieja -como acontece desde hai case mes e medio- La Palma gomitaba lume, fume e materia piroplástica que, ao tempo que facía medrar en altura parte da contorna da illa canaria máis alonxada do continente, poñía a proba -ao igual que agora acontece- a solidariedade de todos cantos viviamos nas illas, especialmente os galegos residentes maioritariamente no Puerto de la Luz por se adicar ao sector marítimo-pesqueiro.

Lembro os moitos contactos entreles -debera dicir entre nós, pero eu era, repito, un cativo de seis anos- para levar axuda aos palmeros, e os barcos galegos ou con galegos a bordo que cada pouco poñían proa desde o Puerto de la Luz ás costas palmeras con materiais e axudas para os poucos habitantes que daquela a tiña a illa.

Foron unhas semanas de tecer e destecer entre galegos e canarios. Un ir e vir que eu non entendía, pero que agora rememoro porque, dalgún xeito, todo o que se vive na illa da Palma é repetición dunha longa e vella historia que marca en boa medida o carácter dos canarios e, nomeadamente, dos palmeros que sinten, unha outra vez, como o concello do Paso volve ser escenario que alumean as bocas volcánicas das súas montañas.

Os godos, os peninsulares galegos que repetimos historia contemplamos agora consternados como os ríos de lava destrúen e constrúen, achican e fan medrar a liña de costa da illa bonita, concedendo aos fondos mariños unha nova visión  negragrís que sirve de contrapunto a peixes multicores que retornan ao que sempre foi de seu no novo sustrato aínda que con variedade de formas: clastitas, tubos, pillows, corrugacións de enfriamento, gretas alongadas que grazas ao ROV Liropus -que recolle mostras de sedimentos e rochas- permite que todos teñamos certezas que, no ano 1949, para nada tiñamos os avecindados en calquera das sete -hoxe oito, oficialmente- illas canarias, da que La Palma era ata o de agora a gran descoñecida.

A conexión Galicia-Canarias existe desde sempre. E na actualidade, cun fondo sentimento de irmandade que ninguén disimula.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...