A Subdirección Xeral de Enerxía referenda as alegacións interpostas polo BNG ao Parque Eólico Huracán

O BNG de Noia vén de informar de que a Subdirección Xeral de Enerxía referendou as alegacións interpostas pola agrupación nacionalista ao Parque Eólico Huracán. O informe negativo emitido complementa a firme postura do BNG respecto deste proxecto enerxético previsto para os concellos de Noia e Lousame, que, segundo a agrupación, causaría graves prexuízos ao patrimonio cultural, natural e económico da poboación máis próxima á localización do proxecto.

Anxo Moledo e Ricardo Suárez durante unha visita aos núcleos afectados polo Parque Huracán

En concreto, segundo ten destacado o BNG de Noia, o muíño de vento número 1 do mesmo está proxectado a menos de 500 metros da delimitación do núcleo rural histórico de Vilardante, contrapoñendo as bases do Plan Eólico de Galicia que establece a obrigatoriedade de “respectar a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de chan de núcleo rural, urbano ou construíbel”. Así mesmo, o BNG ten feito constar que o límite da área de risco e incidencia do muíño de vento número 1 (AE1) “entra en colisión coa área de cautela do elemento patrimonial denominado Castelo Miúdo, o cal está reflectido no catalogo de patrimonio da Xunta de Galicia”.

Os nacionalistas tamén informaron á veciñanza dos núcleos e das explotacións agrícolas do municipio de Lousame potencialmente afectados polo proxecto, cuxa área poligonal afectaba a 700 hectáreas do municipio, un terzo do total da área de afectación do parque.

Outra das alegacións presentadas polo BNG facía referencia ao feito de que a totalidade da superficie afectada polo parque “ficaba fóra das áreas de desenvolvemento eólico do Plan Eólico de Galicia”. Precisamente esta, foi a argumentación central que referendou a Subdirección Xeral de Enerxía, quen informou negativamente do proxecto dispoñendo que “o mencionado Plan Sectorial é o instrumento no que se definen aquelas áreas da Comunidade Autónoma nas que é posíbel desenvolver proxectos de aproveitamento da enerxía eólica (Áreas de Desenvolvemento Eólico), e polo tanto, o emprazamento do parque eólico incumpre claramente as disposicións da lexislación mencionada”.

Dende o BNG sinalan a súa ledicia polo informe da Subdirección e agardan “que a resolución final do Ministerio vaia polo mesmo camiño”. Sinalan ademais dende a formación nacionalistas sentirse satisfeitos “co labor de información e de traballo nas alegacións realizada, pois este informe supón un grande paso adiante para evitar un proxecto moi desfavorable para os intereses veciñais”.