As Festas de Santa Uxía en Ribeira volven ser este ano o que nunca deixaron de ser: unha das grandes celebracións galegas do treito final do verán. Para esta edición, o Concello fixo un esforzo especial para tentar reivindicar o espírito da celebración ao tempo que se preparou un programa diverso e integrador e garantíronse todas as medidas esixidas de seguridade anti-COVID. A axenda das celebracións da patroa de Ribeira, presentada este 7 de setembro polo cura párroco Alfonso Mera e a concelleira de Cultura María Sampedro, inclúe unha decena de actividades. “Servirán”, sinalaron, “para celebrar esta fin de semana as tradicionais Festas de Santa Uxía en conmemoración da patroa da cidade, cuxa onomástica é este 12 de setembro”.
O programa arrancará ás 20.15 horas do venres 10 de setembro cun espectáculo familiar na praza do Concello a cargo de asSircópatas, que porá en marcha a función Abracadaver. Ás 22 horas na praza da Porta do Sol terá lugar un concerto por Davide Salvado, Fransy González e Cibrán Seixo.
O sábado 11 de setembro a xornada comezará coa ruada de Andavía, a partir das 10.30 horas, polo casco urbano da cidade.
Da man da Asociación de Amas de Casa principiará ás 18.30 horas no Auditorio unha innovadora ruada de exaltación do traxe galego que desembocará unha hora despois na praza do Concello, onde haberá un desfile e actuacións musicais.
E ás 20.15 neste último emprazamento desenvolverase o espectáculo familiar de Charo Pita titulado Andar aos biosbardos. A xornada concluirá a partir das 22.15 horas cos concertos acústicos de Mikel Erentxun e Monoulious Dop no paseo do Malecón. A apertura de portas terá lugar ás 21.30 horas e será de aplicación o protocolo COVID, con espazo acoutado, cadeiras e uso obrigado de máscara.
Por último, o propio domingo 12 de setembro arrancará ás 10.30 horas cunha nova ruada por Andavía; ás 11 horas desenvolverase un desfile da banda de música de Lousame; e ás 12 do mediodía oficiarase no adro da igrexa unha misa solemne na honra da patroa, que tras rematar dará paso a un pequeno concerto pola Banda de Música de Lousame. A festividade porá o peche ás 13 horas cun concerto na praza de Compostela ofrecido pola banda Rockolas.
Ciclo de conferencias
Por outra parte, cómpre informar de que por iniciativa da parroquia haberá un ciclo de conferencias entre mañá e o sábado, todas elas ás 20 horas. Así, o 8 o bispo emérito de Tánger Monseñor Agrelo impartirá o relatorio O pecado de ser emigrante.
Na xornada do 9 de setembro, Francisco José Prieto, bispo auxiliar de Santiago de Compostela, falará de Unha parroquia que renova a confianza e a esperanza; o 10, o delegado de catequese e diocese de Santiago, Miguel López Varela, pronunciará a charla Despois da pandemia, que catequese?. E por último o 11 haberá unha mesa redonda de conclusións encabezada por Juan Gestal Otero, catedrático e ex xefe do Servizo de Menciña Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.