O vindeiro domingo 3 de outubro Ribeira vai ser novamente a capital galega do running. En concreto, acollerá a primeira edición dunha carreira de cinco quilómetros de distancia que discorrerá polas rúas da localidade. A proba vén da man do Club El Canario, en colaboración co Concello. Foi presentada este 16 de setembro polo concelleiro de Deportes, Javier Sampedro, e por Clara Millares e Teresa Cimadevilla, integrantes da citada entidade deportiva, que dende este ano está dado de alta como club de atletismo.

Con esta iniciativa a organización pretende “que a xente se anime a regresar de novo a correr na rúa logo do parón provocado pola pandemia”.
A carreira arrancará ás 9 horas na praza do Concello.
Xunto á categoría absoluta de 5.000 metros (que dende a praza consistorial irá cara á explanada do porto e logo até o Club Náutico, Carolinas, Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Constitución e de volta ao Consistorio) haberá tamén categorías infantís a partir de 3 anos, con distancias inferiores arredor da Casa do Concello.
Ademais de premios en metálico para os tres primeiros da clasificación xeral, tanto masculina como feminina, trofeos para os tres primeiros de cada categoría e medallas para cada participante das categorías infantís, efectuarase un sorteo de obxectos doados por Revolutrion e de masaxes doados polos centros de fisioterapia María Martínez e Abeijón y Viña, e haberá premios doados por Podium Sport.
As inscricións, que xa están abertas, débense formalizar en cronotec.es. A modalidade absoluta ten un prezo de 7 euros e un límite de 250 participantes. As categorías infantís son gratuítas cun máximo de 20 corredores por cada unha delas.
O concelleiro Javier Sampedro felicitou ao Club El Canario pola iniciativa e animou á cidadanía a que se anote na proba ou ben asista como público para dar alento aos participantes.