A Concellería de Cultura de Boiro deu a coñecer este primeiro de setembro a programación cultural para este punto de inflexión entre a recta final do verán e o comezo do outono, unha axenda “concibida para todos os públicos e en diversidade de espazos”. Foi presentada nos seus detalles pola edil María Outeiral, acompañada do bailarín Fran Sieira, que representará o seu espectáculo Entre Soños este venres 3 de setembro.

A programación cultural comeza este xoves 2, cun espectáculo de danza, malabares e acrobacia aérea, Cuacac!, a cargo de Fredi. A función, para público infantil e familiar, será ás 20.00 horas no parque da Cachada. A capacidade é limitada e as entradas están xa dispoñíbeis na web municipal.
O venres, ás 20.00 horas en praia Xardín, a carón do edificio das Colonias, será a quenda de Tecendo solos, un concerto de cantos de arrolar de Esperanza Mara para público infantil e familiar. Ese mesmo día ás 21.30 horas no Pazo de Goiáns, desenvolverase o devandito espectáculo Entre Soños, unha cita coa danza na compaña de Fran Sieira (en caso de choiva o espectáculo realizarase na Casa da Cultura).
O sábado día 4, ás 12.30 horas na praza da Terceira Idade, celebrarase un concerto con vistas a recadar fondos para a organización Médicos Sen Fronteiras.
Ese mesmo día pola tarde, ás 20.00 horas no Pazo de Goiáns, actuará a agrupación de folclore galego Xilbarbeira.
A programación continúa con espectáculos de maxia. O venres 11 na praza de Galicia o Mago Antón vai realizar A volta a Galicia en 313 concellos, con funcións entre as 12.00 e as 23.00 horas. O venres 17 ás 20.00 horas na Casa da Cultura o Mago Teto con As nosas letras.
O venres 24 ás 20.30 horas haberá na rúa peonil un concerto en homenaxe ao músico Narf.
Ese mesmo día ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Boiro chegará unha nova cita cultural de Ler conta moito e o sábado ás 11.00 horas tamén na Biblioteca de Escarabote.
Todas as actuacións e actividades se van a realizar con capacidade limitada de publico e seguindo todas as medidas de seguridade e prevención, polo que se require reserva previa de entradas que se poderá facer a través da web municipal. Algúns espectáculos ou actividades poderán ser reprogramados ou que se modifique a localización dos mesmos en función da previsión meteorolóxica.