
A Consellería do Mar subvenciona a repoboación de bancos marisqueiros con máis de 55 millóns de unidades de semente de ameixa ao abeiro das convocatorias de axudas de 2021 destinadas á rexeneración das zonas de marisqueo e á protección dos seus ecosistemas. Esta cantidade de cría de ameixa supón máis da cuarta parte dos 191 millóns de unidades cultivadas entre 2010 e 2020 e será sementada polo sector marisqueiro co obxectivo de mellorar a produción das súas zonas de traballo.
Os apoios baixo os que se realizan estas tarefas son, por unha banda, os destinados a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Por outra banda, tamén apoian labores
deste tipo as achegas dirixidas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción, financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma.
Así o detalla un informe analizado hoxe no Consello da Xunta sobre a resolución das convocatorias deste ano. Este documento reflicte que a través destas achegas o Goberno galego aprobou un total de 59 proxectos por importe de preto de 1,5 millóns de euros que implicarán a rexeneración dunha superficie marisqueira de arredor de 1,7 millóns de m 2 a través das diferentes actuacións como a sementeira de especies marisqueiras, arados e aporte de áridos.
Axudas á conservación e restauración
A maioría das repoboacións subvenciónanse no marco da orde cofinanciada co FEMP coa que se apoia o cultivo de preto de 32,6 millóns de unidades de semente de ameixa babosa e ameixa fina dun tamaño medio de 15 mm para unha superficie de preto de 457.000 m 2 .
As entidades que se beneficiarán destas sementeiras son as confrarías de pescadores de Moaña, Cabo de Cruz, Cangas, Carreira-Aguiño, O Grove, Vilaxoán, Vigo, Bueu, Corcubión, Carril, Raxó, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, A Illa de Arousa, Lourizán, Redondela, e Vilanova e a Asociación de Marisqueo a Flote da Ría de Vigo. No marco destas axudas, o Executivo galego aprobou ademais a repoboación de 35.000 unidades de semente de ourizo, un proxecto da Confraría de Pescadores da Coruña.
Con esta convocatoria tamén se financian outras actuacións en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños como a dragaxe e aporte de áridos en máis de 210.000 m 2 de superficie ou a remoción de substrato en máis de 517.000 m 2 .
Estas tarefas realizaranse en iniciativas das confrarías de Moaña, Miño, Cangas, Vilaboa, Cabo de Cruz, O Grove, Rianxo, Vilaxoán, Vigo, Bueu, Corcubión, Carril, Raxó, Arcade, Cangas, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Barallobre, A Illa de Arousa, Lourizán, Redondela e Vilanova. Tamén a Asociación de Marisqueo a Flote da Ría de Vigo.
En total, no marco desta orde de axudas cofinanciada con fondos europeos, a Consellería do Mar aprobou 34 expedientes por un importe de preto de 1,2 millóns de euros a distribuír nos anos 2021-2022. Dela beneficiáronse 24 entidades.
Apoios á mellora da produtividade
O resto das sementeiras desenvolveranse na liña destinada a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción. Con ela apóiase o cultivo de máis de 22,5 millóns de unidades de semente de ameixa babosa, fina e xaponesa dun tamaño medio de 15 mm nunha superficie de máis de 520.300 m 2 .
As entidades que sementarán estas especies son as confrarías de Cabo de Cruz, A Coruña, Pontedeume, Cambados, Cedeira, Moaña, Espasante, Miño, Camariñas, O Grove, A Illa de Arousa, Vilaboa, Carril, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Arcade, Cangas,
Redondela, Vilaxoán, Ferrol e Barallobre, Vilanova e Mugardos. Tamén se benefician destas achegas a Asociación de Rañeiros de Arousa, a Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arousa e a Asociación de Marisqueo a Flote da Ría de Vigo. A Xunta aprobou, en total, dentro desta outra orde 25 proxectos por un importe de preto de 319.000 euros para
o ano 2021. Dela beneficiáronse 25 entidades.
Ambas liñas de achegas permitirán ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras conservar o recurso, a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras e evitar a perda de zonas naturais. Ao mesmo tempo, estes apoios contribúen ao desenvolvemento de proxectos para fomentar o
sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia e unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, importante para o mantemento da biodiversidade dos ecosistemas. Deste xeito, Galicia busca impulsar a produtividade dos bancos marisqueiros e o emprego no sector.