
A Pousada da Galiza Imaxinaria acollerá este venres un acto en lembranza ao músico e compositor Fran Pérez ‘Narf’, organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña e polo Concello de Boiro. Esta cita, que dará comezo ás 20:30h, inclúe a presentación dunha páxina web que recolle a vida e traxectoria do artista e un concerto da banda Caldo, gañadora da pasada edición do concurso ‘Narf’ para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña.
Ata a Pousada da Galiza Imaxinaria, espazo co que estivo moi relacionado o propio ‘Narf’ ao longo da súa traxectoria musical, tamén acudirán o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral. “Hai que ter en conta que precisamente un dos obxectivos do Premio Narf é o de lembrar e difundir socialmente a figura e a obra deste músico e nesta filosofía enmárcase esta cita, para dar a coñecer unha das propostas musicais recoñecidas co premio e implementado novos recursos para que perdure a memoria do propio ‘Narf’, como é o caso da páxina web” asegura o deputado de Cultura, Xurso Couto.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, María Outeiral, indica que “Boiro, e máis concretamente A Pousada da Galicia Imaxinaria, están moi vinculados a Narf e ao seu traballo, polo que estamos moi contentos de acoller un acto como este na súa lembranza”.
Fran Pérez ‘Narf’ nunca tivo web propia, polo que a Deputación decidiu vincular unha páxina web ao que leva o seu nome, na que inclúe toda a información do concurso de grupos e artistas musicais xunto con cumprida información do artista, que reúne datos, imaxes e outros recursos que recompoñen a vida e obra deste creador nado en Silleda en 1968 e falecido en Santiago en 2016.
A páxina web recolle o itinerario da súa traxectoria vital e artística, cunha biografía e unha liña do tempo, ademais da súa discografía, os vídeos máis destacados da súa andaina e máis dun cento de imaxes que amosan as distintas etapas da súa vida.
A banda Caldo está formada por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), e gañou a última edición do Premio ‘Narf’ cunha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo. No seu 1º disco, formado por temas orixinais, Caldo emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nos seus concertos.
A capacidade para o acto éstá limitada a 50 persoas e a reserva previa de entradas está dispoñible na páxina web municipal do Concello de Boiro (www.boiro.gal).