Boiro acolle a primeira edición da Running solidaria na que os beneficios serán para a asociación de transplantados de medula

O Concello de Boiro colabora na celebración da I running solidaria Jealsa- Barbantia Roda, que organiza a Sociedade Deportiva Barbantia Roda co patrocinio de Jealsa Rianxeira. A proba vai ter lugar en Boiro o vindeiro domingo día 3 de outubro, e ten como obxectivo fomentar a vida saudable e tamén a solidariedade ao colaborar con entidades benéficas.
Na presentación, que se realizou esta tarde estiveron o alcalde, José Ramón Romero; o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; a directora de relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, o presidente de Barbantia Roda, Manuel Villanustre, o vicepresidente e coordinador de Santiago de Asotrame, Mario Álvarez Rodríguez; e o hematólogo do CHUS e investigador en xenómica do cancro, Adrián Mosquera Ortigueira.
A proba consta dun percorrido de 10 quilómetros de carreira e, en conxunto unha andaina. A hora de saída da carreira será ás 11.00 horas mentres que a andaina o fará ás 10.00 horas. A participación está tamén aberta de maneira online, de xeito que se pode participar dende calquera parte cun dorsal 0.
O evento ten carácter solidario e está previsto que cada edición os beneficios recadados coas inscricións sexan para un fin benéfico. Nesta primeira edición os fondos que se recaden serán doados de maneira íntegra a Asotrame, a asociación de transplantados de medula de Santiago de Compostela.
As inscricións poden facerse online a través a páxina web www.emesports.es/eventos ata o xoves 30 de setembro.