“A historia que se repite” – Antón Luaces

22 Setembro 2021

Un xornal coruñés (La Opinión) trae á memoria dos que tivemos a oportunidade de vivir, vai 44 anos, a revolución duns labregos contra aqueles que, na parroquia das Encrobas, tentaban facerse coa propiedade dunhas moi produtivas terras nas que realizar a explotación dos beneficios que os lignitos deixaban a prol de empresas que o rendibilizaban na central térmica de Meirama. A Garda Civil actuou ao mandado dun poder que superaba con moito a aquel pobo que, anos antes, cantaba en Portugal unha especie de himno titulado Grándola, vila morena, no que o seu autor, Zeca Afonso, proclamaba que “o pobo é quen máis ordena”. Erraba daquela Xosé Afonso, porque a súa seca e dorida Grándola pouco ou nada tiña semellante a As Encrobas coruñesas, onde un fusil mandaba máis cá voz dun pequeno labrego: o fusil era manexado desde Madrid, o labrego era soterrado desde Galicia.

Uns 200 garda civís eran quen de impoñer normas baseadas en leis inxustas polas que se expropiaban leiras con propietarios recoñecidos e os fusís CETME que portaban cada un dos membros da Benemérita tiñan máis argumentos disuasorios que o mantra “esta terra é nosa” co engadido para algúns de “e non de Fenosa” que os labregos coreaban de continuo e máis, precisamente, aquel día choviñento no que ata as mulleres ocuparon os camiños da aldea e os mortos do veciño cemiterio se revolveron nos seus sartegos.


Unha voz coñecida, que manaba cal auga clara e limpa de quen tapaba coa boina a súa cabeza ben posta, dixo “Non!”. E non. Os labregos escoitaron ao home que era máis que o crego das Encrobas, escoitaron a Moncho Valcarce Vega, o cura comunista, o crego militante da AN-PG detido por dicir verdades que os máis altos dinatarios do país non gustaban escoitar.

Após aqueles sucesos, compráronse leiras para iniciar negocios de futuro relacionados coa actividade turística emanada da lagoa creada en terreos do que se extraera mineral, retornaron emigrantes como tamén o fixeron parellas novas ás terras dos seus devanceiros. Mais os megaproxectos enerxéticos coñecidos aos poucos nos últimos tempos devolveron As Encrobas aos anos 70. Concretamente a 1977, cando Lignitos de Meirama deu en ocupar centos de leiras cultivadas para aproveitamento dos froitos sementados con agarimo trocando o presente cara un futuro de explotación mineira.


Hoxendía 407 veciños censados escoitan a SOS Encrobas porque non queren repetir sós unha historia que latexa nas súas mentes e repercute nos seus corazóns como se os golpearan cun martelo. Non queren revivir o acontecido vai 44 anos, cando aínda corrían por Galicia as historias de perseguidos, de fuxidos, de medos agochados, de vellos odios gardados nos chineros de madeira de castiñeiro, de relatos silenciados polo franquismo aínda imperante e a bocacha dun fusil de asalto.


O café vertido en mantel de hule era un vello sono que agora afoga nos proxectos de parques eólicos -dous- , unha planta de aproveitamento hidroeléctrico, de hidróxeno e de biogás que abren a porta a outro macrobasureiro. Ábrese outro buraco negro nesta que sempre foi vizosa terra de labradío, para que as multinacionais pousen unha outra vez a bota que todo o esmaga e converte o terrón en po miserento que os muíños de vento dos aeroxeradores espalla polas cimeiras da aldea. O proxecto das Encrobas (da multinacional Naturgy, herdeira de Unión Fenosa) agroma con todo o seu poder navegando nunha que foi idílica lagoa e amosa o seu poderío cun parque eólico de catro aeroxeradores que afectan a 107 fincas en Carral e 50 en Cerceda. O segundo parque, denominado Meirama, xoga ao despiste e afecta a 181 leiras en Cerceda, onde se van “plantar” 13 aeroxeradores, ao tempo que a empresa TAGSA agarda o prace ao seu plan de aproveitamento de 67.500 litros por segundo da auga de Meirama e a súa lagoa para unha central hidroeléctrica que xa non permitirá esas augas para usos deportivos e lúdicos da veciñanza.
O parque eólico das Encrobas vai afectar directa e definitivamente a Carral. E o chamado Meirama -o que vai dispor de maior número de aeroxeradores- afecta na súa totalidade a As Encrobas: un só parque, dividido en dous para semellar un menor impacto.

A futura pranta de hidróxeno verde de Meirama producirá 7.500 Tm. anuais. Xunta ela, unha planta de biogás, para compensar o peche de térmica de Meirama. A lagoa que ía abastecer de auga á veciñanza da Coruña, será dedicidamente destinada ao aproveitamento hidroeléctrico proxectado entre Cerceda e Carral. E o anunciado uso e desfrute gratuíto das augas da lagoa polos veciños, queda máis que en entredito. Que importa que o aproveitamento industrial vaia en contra do que se proxectaba para o turismo vencellado á lagoa de maiores dimensións de Europa?. Canto se derramou, estragouse, para facer o que se dixo en 1977?. Repetimos a historia.
Os que antes estaban en contra do todo o que, co paso do tempo, quedou en nada, repiten e ensinan ás seguintes xeracións ca España baleirada é a que eles baleiran, que as eólicas poden non ser malas de todo, e que as plantas de residuos non son tan nocivas como din. Pero ningunha é boa para esta terra magra e matriz que perforan e cimentan para aeroxeradores que non fabrican soños pero si que non deixan durmir. Que os fondos comunitarios Next Generation deben potenciar o desenvolvemento de actividades ambientais relacionadas coa lagoa e non as contas de resultados de empresas hidroeléctricas que a realidade de Galicia non precisa
​A Galicia non lle permiten soñar. Nin tampouco erguer a cabeza, máis dados como son a chantala no ermo.

Outros artigos

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...

+

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

Daquela, hai algo máis de cincuenta anos, algúns dos aldeáns e aldeás das aldeas de Lugochegaban ao Instituto para abrir as portas do futuro, pechadas a cal e canto para os fillos daMariña, para os das montañas da Fonsagrada, dos Ancares, do Courel e da Lóuzara...

“Pedir perdón, el valor de la palabra” – Manuel Domínguez

“Pedir perdón, el valor de la palabra” – Manuel Domínguez

Se les pide que pidan perdón, (no se para que), que manifiesten un acto de fe, que se arrepientan, se le pide lo que ya se sabe que no se obtendrá. Yo personalmente en el juego del circo político, pediría mil perdones , si ello le satisface, al fin de cuentas, nada va...