A comunidade educativa do IES Nº 1 de Ribeira emitiu un novo comunicado respecto dos recortes as que vai ser obxecto e, en base a isto, sobre as condicións nas que se está a desenvolver a organización do presente curso escolar. No comunicado o profesorado denuncia os recortes da administración educativa e o seu absoluto rexeitamento a este tipo de medidas, aplicábeis a unha manchea de centros docentes da nosa comarca.

No escrito o IES Nº1 lembra que dotación de persoal docente do centro está sendo recortada en sete profesores ou profesoras, unha diminución de profesorado que non se dá respecto á dotación do curso 2020-21, ano no que o cadro de persoal reforzárase puntualmente para permitir implementar as medidas de distanciamento esixidas polas disposicións sanitarias impostas pola epidemia de COVID. Porén, aclaran, “a redución de sete profesores ou profesoras realízase con respecto á dotación do curso 2019-20, sen que veña xustificada por unha modificación na oferta educativa do centro nin por unha redución no volume do noso alumnado”.
A comunidade docente recorda que “a situación sanitaria segue sendo a mesma có curso pasado e hai que manter as mesmas medidas, agás a distancia interpersoal nas aulas, o que fai menos entendíbel aínda a redución de persoal”.
E engaden: “Non estando xustificada a redución no cadro de persoal do centro por unha alteración das condicións, a comunidade educativa do IES expresa a súa oposición e reclama unha revisión desa medida que consideramos arbitraria e contraria á ambición de excelencia na calidade dos centros educativos públicos, xa que estes son a mellor garantía de formación en igualdade e sen discriminación de ningún tipo”.
Segundo din, a decisión da Consellería de Educación repercutirá “nun deterioro da calidade educativa do centro” e “obrigará a prescindir de ofertas educativas e medidas de reforzo e apoio que estaban consolidadas e cuxo mantemento é prescindíbel”. Estas son as que citamos a cotinuación:
-“Agrupamento de 1º ESO: Os agrupamentos permiten que o alumnado que vén do centro de Primaria con informe de necesidades de reforzo educativo ou que, tras unha avaliación inicial, se constata como necesitado del, reciba unha atención máis personalizada nun grupo reducido nas materias instrumentais básicas. Isto permite tamén un desenvolvemento máis áxil dos contidos desas materias para o resto do alumnado”.
-“Perda dunha vacante de PT: Dos sete profesores e profesoras que recortan, segundo se indica no comezo deste documento, hai que sinalar que unha praza corresponde a PT (pedagoxía terapéutica). Este profesorado está especializado en atender ao alumnado con necesidades educativas especiais e a súa perda implica unha peor atención á diversidade”.
-“Reforzo ao alumnado con materias pendentes: As clases que se viñan ofertando non poderán impartirse, o que supón que este alumnado con dificultades non contará con ese apoio”.
-“Desdobramentos de inglés: Estes desdobramentos de grupo nunha hora semanal nas clases de idioma estranxeiro permiten exercitar de xeito eficaz a lingua oral, necesario para acadar un nivel de fluidez aceptábel”.
-“Laboratorios de Bioloxía e Física e Química: Estas sesións permiten abordar as materias dun xeito experimental, tal como se contempla na súa programación”.
-“Desdobramentos nos talleres de Tecnoloxía: isto permite traballar cun menor risco para a seguridade do alumnado”.
-“Opcións de Bacharelato: O recorte de persoal pode impedir manter a habitual variedade da oferta de materias que se adaptan ás aspiracións, preferencias ou sensibilidades dunha parte do alumnado. Esta ampla optatividade é unha característica do noso centro (mesmo se recolle no PEC)”.
-“Alfabetización: A alfabetización vén sendo unha oferta educativa consolidada no centro, que desempeña un papel esencial na integración de persoas inmigrantes, facilitando a adquisición dunha competencia comunicativa imprescindíbel para a súa promoción persoal e profesional”.
-“Biblioteca: O centro ten unha oferta educativa que abrangue dende as 9 da mañá ata as 22:10 da noite, con alumnado de diúrno e tamén de adultos e da Escola Oficial de Idiomas. O recorte do cadro de persoal obrigará a reducir o horario de atención á biblioteca deixando sen este servizo ao alumnado durante boa parte do seu horario” .
-“Gardas: Nas gardas de clase verase reducido o número de profesores/as, co agravante de que o protocolo COVID foi prorrogado de cara ao vindeiro curso. Tamén se ven afectadas as gardas de recreo que, seguindo o protocolo COVID, deben ser en catro zonas claramente diferenciadas nos patios exteriores e nos tres corredores do centro. Por todo isto, reiteramos a nosa oposición á actuación da administración educativa e reclamamos o mantemento do cadro de persoal do curso 2019-20”.