Xa podemos enviar poemarios á nova edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro)

A actividade literaria na nosa comarca non cesa nin no mes de agosto, se cadra máis ben o contrario. Neste senso, o Concello de Dodro vén de comunicar que xa está en marcha a edición 34 dun dos galardóns máis sobranceiros e prestixiosos das nosas letras: o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Segundo indican dende o departamento local de Cultura, a organización do certame xa está este mes de agosto agardando polos poemarios participantes. Podemos atopar información detallada sobre o mesmo na web municipal e tamén no BOP da Deputación da Coruña. Amais, todas as novidades sobre a nova convocatoria témolas no Facebook específico do certame.

Como lembraremos, o premio da edición anterior, a de 2020, foi dar a Francisco Valeiras González pola súa obra Urda. En 2019, recoñeceuse a través deste certame outra destacada contribución poética: A voz do arqueiro, de Antón Blanco Casás.

O Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que leva o nome (a xeito de homenaxe) do destacado poeta local, finado en 1986, autor de obras tan memorábeis como Os días olvidados e A morte presentida, constitúe cos seus 34 anos de vida un exemplo de resistencia literaria e reivindicación do talento das nosas escritoras e escritores, sendo máis meritoria a súa supervivencia nun contexto marcado pola pandemia de COVID e, tamén, pola falta de recursos económicos que adoita cebarse con este tipo de iniciativas.

O certame vén da man do Concello e da Deputación da Coruña.