“Rematou a campaña da sardiña”. Antón Luaces

Desde as doce horas deste venres, 27 de de agosto, os barcos do cerco de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi non poderán pescar máis sardiña ibérica. Péchase así, deste xeito abrupto e un ano máis, unha pesqueira que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, abrira con moitas espectativas e que agora pecha de xeito “precautorio” porque a frota do caladoiro Cantábrico Noroeste está a piques de esgotar as 7.918 toneladas de sardiña pilchardus que se podía pescar este ano. Os barcos que faenan con artes de racú e piobardeira -semellantes ao cerco, pero de menores dimensións- tamén quedan sen ese tan prezado peixe azul.
Aínda así, uns e outros cerqueiros teñen a opción de seguir a pescar sardiña no caso de que compren ou intercambien cotas cos pescadores do golfo de Cádiz, como xa se ten feito en anos anteriores e grazas moitas veces á xestión realizada polas propias empresas ou, como foi o caso, pola asociación cerqueira ACERGA da Comunidade galega. Entra dentro do posible que se repita a experiencia, pero o cerco galego non decidiu polo de agora que vai facer. Cabe a posibilidade de solicitar do Ministerio que se permita pescar un resto de máis ou menos 5.000 toneladas de cota que se poderían repartir con Portugal, sendo conscientes de que no reparto deste ano o país viciño saiu moito máis beneficiado que Galicia.O pasado 3 de maio comezou a campaña da sardiña en España, campaña que no noroeste durou case catro meses e na que participaron  uns 260 barcos de cerco, racú e piobardeira que tiveron opción a capturala. Polo de agora a pesqueira segue aberta para os perto de 180 xeiteiros das Rías Baixas, cuxas posibilidades de pesca ascenden a 348 toneladas.Rematada oficialmente a costeira da sardiña, todo está a expensas da resposta que poda dar a do xurelo; pero non se confía demasiado nas posibilidades desta pesqueira porque, segundo o testemuño dos cerqueiros consultados, no mar queda moitísima sardiña e é ben sabido que mentres esta estea ahí, o xurelo permanece no fondo e non se pode capturar.