“Por que cala a Xunta a respecto do capitán Costas Villar?”. Antón Luaces

Se o ominoso silenzo que mantén o Goberno español e, máis concretamente, o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperaciòn a respecto da situación pola que está a pasar no denominado Iemen do Sur (no porto de Al Mukalla) o galego Pablo Costas Villar, capitán do pesqueiro somalí  “Cobija”, nas últimas horas está a suscitar -e moito- a curiosidade dos usuarios das redes sociais ese outro silenzo que manteñen os responsables da Xunta de Galicia e, especialmente, a Consellería do Mar, en relación co mesmo caso.

Riba da mesa están as vivencias a bordo do citado buque de 33 tripulantes de polo menos cinco nacionalidades distintas. Unha delas corresponde a un galego, o capitán do “Cobija”, cidadán español retido a bordo dese barco dende vai once meses acusado por un fiscal iemení a requerimento das autoridades pesqueiras australianas, acusado de capturar ilegalmente pescada negra (robalo de profundidade).Todo o que os cidadáns galegos sabemos do capitán Costas Villar chega por boca de terceiros: familiares do capitán ou sindicalistas da CUT que traballan para a súa repatriación. O Executivo galego semella ignorar o que está a pasar cun galego ao que se acusou de pesca ilegal, acusación  que semella foi retirada ou non tida en conta porque a condena dictada en Iemen contra o citado capitán ou ben foi retirada ou o tribunal non considerou que a falta, se a houbo, tivera consistencia dabondo como para manter a súa retención a bordo do “Cobija”, barco que permanece atracado no porto de Al Mukalla.

Culpable ou non do delicto que se lle imputaba inicialmente, Pablo Costas Villar é un  galego  ao que, como cidadán español que é, non se lle outorgan as atencións que serían de rigor, máxime nunha situación de absoluta indefensión pola incomparecencia no caso da representación consular española en Riad (Arabia Saudí) encargada dos asuntos que, en Iemen, competen a España. Este galego, ao igual que outro, tripulante este  dun buque secuestrado no Golfo de Guinea vai para dous meses, non conta oficialmente para o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación. As familias xa non saben a quen acodir. Por este motivo xurdiu a iniciativa privada dunha entidade vinculada ao sector marítimo-pesqueiro, que remesou senllos escritos a outros tantos organismos demandando a intervención gobernamental para que se proceda á repatriación dos mariñeiros.

É evidente que Costas Villar non permanece retido en Al Mukalla pola súa propia vontade. Tampouco se explicita o motivo real da súa retención e que autoridade concreta determina a causa que se sigue contra el cando, consecuencia da inspección realizada polos servizos de gardacostas australianos o barco non foi sancionado, como tampouco o foi o seu capitán.A todo esto, son tamén ben curiosas as casualidades que se producen entre a actuación xudicial posterior contra Pablo Costas Villar e as acusacións que parten da organización ecoloxista australiana Sea Sepherd que, en base a unha información datada en outubro de 2020, identifica ao “Cobija” como un “barco furtivo de pescada negra”, anteriormente a estes feitos denominado “Cape Flower” incluído na lista negra internacional por pesca ilegal, non declarada, non regulamentada (INDNR) e que se agregou á lista negra de pesca ilegal  de SEAFO en 2017. Cualifica de “apátrida” ao “Cobija” a afirma que “se hai carga a bordo, é posible que se trate de pescada negra capturada ilegalmente na área da convención da CCRVMA”. Curiosamente, na acta redactada polas autoridades iemenís a efectos de sanción, o peixe achado a bordo é “mero do Índico”. Tamén se fai mención a que o “Cobija” non empregou o sistema de localización AIS durante a navegación e que carece do indicativo para tal localización.

Semella evidente que nestes momentos, cando os 33 tripulantes do buque carecen xa de alimentos e auga, os esforzos van centrándose na exposición de probas que incriminen ao barco e os seus tripulantes, especialmente o capitán, nun delicto ou ilícito que xustifique a pena que levan purgando dende vai once meses nun país en guerra e dividido.