Os robots médicos Da Vinci darán o chimpo definitivo aos hospitais cun comite clínico de seu

06 Agosto 2021

Co fin de achandar o terreo dos robots cirúrxicos Da Vinci, amais de regular a súa transferencia real e efectiva ao ámbito médico autonómico, a Xunta está a preparar un comité clínico específico que o “normalice” os robots, amais de coordinalos e facer seguimento do seu traballo e funcionalidades. Estará integrado por 18 persoas, entre as que haberá representantes de cada unha das áreas cirúrxicas susceptíbeis de realizar a maior parte da actividade con este equipamento: cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía; así como as persoas que desempeñen funcións relativas á organización da actividade cirúrxica nas sete áreas sanitarias.

O principal cometido deste comité será “deseñar os criterios e protocolos de utilización destes sistemas robóticos, para garantir un desenvolvemento progresivo e homoxéneo no emprego desta tecnoloxía en todo o Servizo Galego de Saúde”. Búscase, en palabras de Sanidade, “definir uns indicadores de calidade en canto a resultados e acordar a porcentaxe de tempo de uso destes equipos que corresponderá a cada especialidade para que sexa igual nas sete áreas sanitarias”.

Outras funcións do Comité serán as “de asesorar nas materias que incidan directamente na actividade dos Da Vinci, propoñer criterios comúns para a elaboración dos correspondentes protocolos de actuación de forma que se garanta aos pacientes a equidade nesta prestación, así como presentar as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade no uso dos robots”.

A tecnoloxía dos sistemas robóticos Da Vinci

Os robots Da Vinci comezaron esta última quincena de xullo as súas primeiras operacións, en concreto máis de 30 prostatectomías radicais (extirpacións totais de próstata) nas sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde. Isto implicou que os equipos de uroloxía destas áreas recibisen formación específica sobre estes dispositivos (entre o 6 e o 15 de xullo) e traballasen con especialistas de hospitais do resto do Estado familiarizados con esta tecnoloxía, facendo observación de casos e recibindo titorías para afrontar estas primeiras cirurxías.

Os robots Da Vinci axudan a mellorar a destreza e a capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica, sobre todo optimizando a precisión e emendando a perda da sensación de profundidade que provoca no persoal médico a visión en dous dimensións. O aumento e a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, nalgúns casos serían imposíbeis.

O SERGAS explica que “os beneficios derivados da utilización dos sistemas cirúrxicos robotizados para os pacientes inclúen unha maior seguridade e calidade, diminución da morbimortalidade, menor perda sanguínea, diminución de estancia media no centro hospitalario, incisións máis pequenas, menor dolor postoperatorio, e unha reincorporación máis rápida á vida ordinaria”.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.