Os maiores da Aula de Lousame da UNED Sénior recollen en Guitiriz os diplomas do curso

Os maiores que están a participar na aula da UNED Sénior de Lousame viaxaron a pasada semana a Guitiriz para participaren na reunión de fin de curso da UNED Sénior da Coruña. Un acto presidido pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e o coordinador da UNED Sénior da Coruña, Luís Rodríguez Patiño, ao que asistiu tamén o concelleiro de Relacións Veciñais de Lousame, José Antonio Ces.

O acto congregou a un total de 97 persoas, que recibiron cadanseu diploma polo labor realizado no curso 2020-2021, un exercicio marcado pola pandemia. Tras unha serie de lecturas de homenaxe aos avós e avoas, o alumnado da UNED Sénior de Lousame participou nunha actuación musical canda os compañeiros e compañeiras de Guitiriz.