O Parque Nacional das Illas Atlánticas lanza unha campaña para dar a coñecer a inportancia das súas bolboretas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de lanzar unha nova campaña co fin de dar a coñecer a ampla variedade de bolboretas presentes no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, no que se teñen identificado ata 51 especies distintas deste insecto.
A pesar da súa importancia ecolóxica e da necesidade de garantir a súa protección, as bolboretas seguen sendo unhas grandes descoñecidas. Coa finalidade, precisamente, de paliar esa falta de información con relación a este grupo faunístico e dalo a coñecer entre os seus visitantes e a poboación do seu entorno, o Parque Nacional vén de publicar unha serie de materiais divulgativos centrados nesta especie.
Trátase por unha banda dun folleto informativo que recolle as 35 bolboretas máis frecuentes no parque con figuras que axudan a súa identificación e, no seu caso, a distinguir o sexo do exemplar, cando existen diferencias na súa morfoloxía. Estes folletos completaranse cun póster en formato de 50 por 70 centímetros coa totalidade das 51
variedades presentes no Parque Nacional. No marco desta campaña divulgativa darase tamén aos visitantes información específica para cada especie, como a súa época de voo, as illas nas que se ten constatada a súa
presencia e a súa frecuencia e tamaño.
As bolboretas son un grupo faunístico de gran interese para a conservación da natureza e do que existen un gran número de especies, adaptadas a moi diversos hábitats e condicións ambientais. Moitas delas atravesan na actualidade un momento difícil en canto a súa conservación polo que accións de sensibilización e información coma esta resultan
moi axeitadas.
Ademais, as bolboretas son moi bos indicadores ambientais, pola súa capacidade para informar do estado de conservación dos ecosistemas. Isto se debe á súa gran diversidade e dependencia dunhas determinadas condicións ecolóxicas. Así, cómpre subliñar que o seu ciclo vital, composto por fases de ovo, eiruga, crisálida e bolboreta adulta, é moi dependente da meteoroloxía e da presenza e abundancia das plantas das que se alimentan. Por tanto as variacións que se producen na abundancia das bolboretas reflicten á súa vez cambios e alteracións medioambientais.

Por este motivo, as bolboretas son desde hai moito tempo obxecto de seguimento en estudos ecolóxicos e na xestión dos recursos naturais. Un destes seguimentos, cunha crecente implantación internacional e moi estendido territorialmente, é o chamado BMS (Butterfly Monitoring Scheme), ou plan de seguimento de bolboretas.
Basicamente consiste na realización de percorridos prefixados que se repiten sempre nos mesmos lugares, identificando e anotando o número e as especies avistadas. Estes itinerarios visítanse entre 10 e 30 veces ao ano, de marzo a setembro, de forma que se poidan identificar as bolboretas que voan nas distintas épocas.
Da súa coordinación ocúpanse distintos tipos de institucións de investigación e xestión, e neles participan tanto profesionais como voluntarios afeccionados. Estes últimos teñen unha gran importancia para o funcionamento do BMS, pois son os que levan a cabo a maior parte dos transectos. Nos catro arquipélagos do Parque Nacional das Illas Atlánticas realízanse recorridos BMS desde o ano 2015.