O papel da muller na pesca será reivindicado nos nosos centros educativos por ANMUPESCA e a Deputación

A Deputación da Coruña apoia con 6.204 euros á Asociación de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), con sede en Malpica, para realizar o primeiro programa de fomento da muda xeracional das mulleres no sector pesqueiro. O proxecto, que ten unha marcada vertente divulgativa e formativa, levarase a cabo a partir de setembro nos centros educativos de Cariño, Camariñas, Malpica, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Porto do Son, Muros e Noia. Diríxese a nenas e nenos de 6º de primaria e da ESO de centros educativos emprazados nos ditos concellos.

O obxectivo, en palabras da Deputación, é “que coñezan as características das profesións que desenvolven as mulleres no sector, sobre todo redeiras e mariscadoras, pero tamén mariñeiras ou patroas, e contribuír deste xeito a dar a coñecer este labor profesional e animar ás xeracións máis novas a que opten a desempeñalo”.

A deputada da área de Igualdade, María Muíño, salienta que “esta iniciativa dará visibilidade ao papel que ao longo da historia tiveron as mulleres neste sector tan crucial para o desenvolvemento económico e social de Galiza”.

Charlas e obradoiros nos colexios a partir de setembro

As actividades iniciarasne a partir do mes de setembro e materializaranse en charlas informativas impartidas por mariscadoras ou redeiras nas que explicarán o seu día a día así como os problemas cos que se atopan. Tamén collerán corpo en obradoiros nos que o alumnado participante porá en práctica algún aspecto relacionado co traballado, como aprender a facer un nó mariñeiro, facer pulseiras con fío, diferenciar especies de peixe, etc.

A asociación acompañará o desenvolvemento do programa cunha mensaxe de reivindicación ben clara: as profesións de mariscadoras e redeiras son asumidas sobre todo por mulleres de máis de 50 anos que sofren falta de muda xeracional e que, aínda que ata hai pouco estes traballos eran considerados como secundarios, co paso dos anos foron conseguindo “con moito esforzo e reivindicación” un cambio nas condicións de emprego e autoemprego que melloraron a súa situación laboral.