Os traballadores da planta de lixo de Lousame mobilízanse polo seu futuro este domingo no Son

O comité da planta de tratamento e recollida de lixo da Mancomunidade da Serra do Barbanza (Servia, Lousame) vén de reclamar a intervención da Xunta para asegurar o mantemento do modelo actual “fronte ao da sociedade ambiental autonómica SOGAMA”. Con este obxectivo, CCOO, UGT e CIG convocan unha manifestación en Porto do Son este domingo, 29 de agosto.

Segundo explicaron na maña deste 26 de agosto os representantes sindicais, a planta, xestionada por FCC, “arrastra diversas eivas debido á falta de xestión por parte dos Concellos (Lousame, Muros, Porto do Son, Noia, Brión e Carnota, xunto cos municipios adheridos Pontecesures, Rois e Ames) que integran o ente supramunicipal, o que pon en perigo o futuro das 160 traballadoras e traballadores nunha área de máis de 86.000 habitantes”.

Os sindicatos reprochan que os Gobernos locais que conforman a Mancomunidade “non crearon unha estrutura, en particular a figura dun xerente, limitándose a unha presidencia rotatoria dun ano, encargándose do labor diario de xestión (facturas, investimentos ou seguimento do contrato) os secretarios ou secretarias municipais”. Ricardo Santos, responsábel comarcal de CCOO, fixo saber que “o traballo dunha planta destas dimensións fai preciso que estea á fronte unha persoa con dedicación total e perdurábel no tempo”.

Alén da “falta de xestión”, engadiron que existe outro problema grave, que “é a falta de investimentos, tanto nas instalacións como noutros equipamentos”, así como a “xudicialización de toda a relación coa empresa”, que levou a unha acumulación de xuízos perdidos pola Mancomunidade nos últimos anos.

Como exemplo disto, explicaron, “os traballadores e traballadoras están a empregar vehículos máis vellos do previsto, que acumulan desgaste e avarías”.

E engaden: “As instalacións, que teñen xa vinte anos, precisan unha actualización. Por exemplo, o vertedoiro está sobrepasado, con 25.000 toneladas máis das que estaban previstas cando foi deseñado. Está pendente o seu selado e a apertura da última cela, o que lle daría para dous anos máis, sen que polo momento haxa autorización para facer un novo”.

A maiores, fixeron saber que tendo en conta que o novo concurso para a xestión da planta está previsto para o 2023 existe “un temor entre o persoal de que as instalacións se convertan nunha simple planta de transferencia para SOGAMA, na que só se faría unha selección básica, levando o resto dos residuos a Cerceda para a súa incineración”.

A xornada de mobilización do domingo comezará cunha caravana de coches ás 11:00 que partirá do porto deportivo de Portosín e rematará en Porto do Son. A seguir, ás 12:00, unha manifestación partirá da igrexa de Noal e rematará diante do Consistorio.