O BNG reclama medidas para mellorar o subministro da auga en Ribeira

O grupo municipal do BNG en Ribeira manifestou este 27 de agosto a súa vontade de seguir traballando para que se resolvan no concello os problemas de subministro de auga. Segundo fixeron saber, existe un malestar entre a veciñanza ante as incidencias que “experimenta este servizo no período de verán”, sinalan, engadindo que a agrupación ten coñecemento directo “de problemas en Padín, no García Bayón, na avenida de Ferrol, no ámbito urbano, mais tamén hai problemas en Palmeira, Castiñeiras, Os Páramos, Ameixida, Martín, etc”.

O voceiro da formación, Xosé Vázquez Cobas, asegurou que “está habendo un rosario de incidencias con roturas na rede de abastecemento, baixadas de presión e mesmo cortes de subministro durante horas”. Esta situación, di, “non é un feito illado e puntual, senón que se repite un día si e outro tamén en moitas zonas da cidade e das parroquias ante un Goberno municipal inmóbil que non toma cartas no asunto para tentar resolver a situación”.

Desde o BNG aseguran que en zonas de Castiñeiras, Martín, Os Páramos, Ameixida e O Touro “téñense rexistrado problemas todas as semanas cos trastornos que causa nos fogares”.

O Bloque rexistrou unha iniciativa para instar ao Goberno local a actuar “de maneira inmediata para mellorar este servizo esencial”. O voceiro nacionalista cre “o Concello debe actuar e tomar medidas” como esixir á empresa concesionaria que realice as melloras necesarias para evitar a baixada de presión nos fogares, evitar os cortes na subministración ou resolver as roturas da rede que nalgúns puntos son reiteradas e causan importantes trastornos na veciñanza.

Desde o BNG remarcan que o fornecemento da auga é “un servizo esencial que nunca debeu ser privatizado, polo que traballarán para que unha vez remate a concesión en 2024, o servizo pase a ser prestado directamente por parte do Concello”. E din: “Sería bo para a prestación do servizo, para as arcas municipais e sen dúbida unha mensaxe de que os servizos fundamentais deben ser públicos”.