O BNG do Son critica a resposta do Concello ante os supostos vertidos de augas residuais

O Bloque Nacionalista Galego de Porto do Son emitiu un comunicado crítico coa actuación do Concello relativa ao tratamento das augas residuais e “a necesidade de achegar o mellor servizo posíbel para veciños e visitantes”. O comunicado é unha reposta ás declaracións do alcalde, Luis Oujo, acerca dos supostos vertidos na EBAR do Pozo ao río Sancho e á praia do Langaño, unha resposta na que se reprochaba a actitude do BNG e se lles acusaba de deslealdade co Goberno local.

Estas son as puntualizacións do grupo nacionalista de Porto do Son:

– “En primeiro lugar”, sinalan, “queremos deixar de manifesto que as responsabilidades de que ocorran este tipo problemas é unicamente do Goberno municipal, por non facer o mantemento adecuado e así evitar os verquidos e, ademais, por permitir o acceso durante ese tempo ao areal co risco que isto podía conlevar @s usuari@s, o que amosa a incompetencia deste Goberno que é quen de verdade dana a imaxe do noso concello”.

– E engaden: “Durante o ano e medio que o BNG formou parte do Goberno municipal e, coa nosa compañeira Ánxela Franco á fronte da Concellería de Obras, púxose en marcha un sistema de alertas cun teléfono que recibiría todas as alarmas das EBAR, bombeos de auga potábel e depuradoras, e ademais aprobouse un plus nas retribucións de dous empregados municipais, para atender durante as 24 horas do día este tipo de incidencias. Un operario do Concello, unha vez por semana, limpaba os cestóns ou filtros previos ás bombas, e dúas veces ao ano pasaba un camión a efectuar a limpeza de sólidos, todo isto facía que a rede de saneamento estivese operativa e en óptimas condicións de traballo. Fíxose un mantemento rigoroso, mostra disto é que durante todo o tempo que estivemos no Goberno nunca se deu o caso dun verquido, pola contra, nos 10 anos que leva gobernando o PP hai case un verquido por ano (e nalgún caso, máis de un)”, explican os nacionalistas na súa queixa, ao tempo que se preguntan sobre “que pasou con este teléfono de alarmas, porque é evidente que ou non está a funcionar ou foi quen alertou ao Goberno, como así o recoñece o alcalde”.

-Segundo engaden, “o verquido durou dous días (sábado e domingo), polo que, se saltaron as alarmas tiveron tempo de actuar as veciñas e veciños do lugar, vendo que non se solucionaba o problema puxéronse en contacto connosco e o BNG denunciou estes feitos despois do ocorrido (o martes), nos medios de comunicación e nas nosas redes sociais e non antes”.