“Non vai máis: ás 24 horas deste domingo remata a costeira do bonito”. Antón Luaces

Xa o diciamos vai máis dunha semana: a costeira do bonito péchase este ano máis cedo ca nunca. A Secretaría Xeral de Pesca do MAPA adianta o remate da campaña porque o Total Admisible de Capturas (TAC)  establece que a evolución do seu consumo, que é de 17.704 toneladas – un 12,5% máis ca o ano pasado- indica que está practicamente esgotado. O feito de que se produza este adianto na  data que pon remate á costeira,  evidencia que a demanda da frota boniteira é moi superior ao TAC adxudicado a España. Co peche desde as cero horas do luns, 16 de agosto, obrígase aos barcos a que declaren as capturas desta especie realizadas antes da hora límite, nun prazo máximo de 48 horas no caso do diario de papel e de 24 para a declaración electrónica. Só deste xeito poderán desembarcarse e declararse as capturas realizadas antes desa que dicimos hora límite da noite do domingo ao luns.

Este é o cuarto ano consecutivo de peche prematuro da costeira do bonito en augas do caladoiro Cantábrico Noroeste: 11 días antes co ano pasado, o que a convirte na campaña máis curta dos últimos anos.O prezo medio do bonito oscilou mínimamente nos 3,5 euros o quilo por mor da cantidade e tamaño das pezas á venda tanto nas lonxas galegas da Coruña e Burela, como nas do País Basco e Asturias.
Este adianto no remate da campaña obriga ao sector a negociar un reparto da cuota asignada a España para conseguir unha mellora da xestión pesqueira do bonito. Ao mesmo tempo, deberá ser o sector o que leve á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a necesidade de que Bruxelas determine as accións a tomar coas frotas de arrastre peláxico de Francia e Irlanda que, con esas artes prohibidas en España, aproximadamente uns 25 pesqueiros de Francia e Irlanda fagan en poucos días mareas que non acadan as frotas cerqueiras boniteiras españolas durante semanas de faena. Aparte da cantidade de bonito que capturan e que chega a bordo con evidentes danos, está o feito da competencia desleal que se establece: os barcos españois, usando artes tradicionais de pesca como é a cacea ou o cebo vivo (que obrigan a pescar un a un o bonito) loitan por manter un prezo axustado, e este cae cando os arrastreiros peláxicos franceses e irlandeses, nas mesmas lonxas españolas, venden as súas capturas a prezos máis baixos polas condicións nas que poñen nas rulas exemplares de bonito moi danados polos aparellos.

 A partir da vindeira semana, as frotas de baixura arrancharán as súas unidades pesqueiras para afrontar a campaña de outono con especies obxectivo como a sardiña e o xurelo para a frota de cerco e o congro, pescada e peixe sapo para a de artes menores.Os barcos que faenan na zona 8c, Cantábrico Noroeste, disporán de 5.412 toneladas -o 75% do stock asignado a España no ano 2021- e unha vez máis tendo en conta os consumos históricos e nivel actual de consumo en 2021, algo que non resulta asumible para as frotas de cerco de Galicia e Asturias, disconformes con eses denominados dereitos históricos que se adxudican sobre todos a barcos arrantxales vascos y outros da baixura cántabra.