Fisterra será esta fin de semana a capital galega do coñecemento científico-artístico

Co inicio de setembro, Fisterra vaise converter nunha vila de coñecemento, onde compartir algúns dos principais achados que nos depara a investigación actual en ciencia, literatura, arquitectura e arte en xeral. O motivo? A celebración do evento Des-enfocar Fisterra, que se celebra entre os días 4 e 5, da man da Cooperativa Performa e co apoio do Concello fisterrán e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. A cita presentouse este luns 30 no Pazo de San Roque, en Santiago. Tamén se deu a coñecer a web do evento, un espazo que funciona tamén el como punto de confluencia de correntes na fin do mundo (unha sorte de Fisterra virtual).

11,00 h.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentará a iniciativa Desenfocar Fisterra, incluída no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo, acompañado por membros de Cooperativa Performa, impulsores da iniciativa foto xoán crespo 30/08/2021

Na presentación participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto cos tres membros de Performa: David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki M. Antelo.

Segundo fixeron saber, Des-enfocar Fisterra xuntará esta fin de semana na vila da Costa a Morte a un conxunto de artistas, arquitectos, científicos, escritores e profesionais do mundo gastronómico e patrimonial galego. “Todos eles porán en valor a vida cultural ao pobo de Fisterra ao tempo que se constitúen unha defensa e promoción da creación artística galega”, explicaron. Valentín García destacou “a importancia de potenciar o uso e prestixio da lingua en xornadas como esta que, dun xeito multidisciplinar, permiten situar a cultura e o idioma no ámbito da arquitectura, paisaxe, gastronomía, literatura etc., e que poden valer de modelo para outras moitas actividades que con motivo do Xacobeo axuden a dinamizar notablemente o fomento do galego”.

O punto de partida do festival será o sábado no Museo da Pesca de Fisterra, onde o poeta Alexandre Nerium fará unha visita guiada. Xa pola tarde, o biólogo Nacho Munilla dirixirá unha busca e exploración, sonora e visual, das aves que viven na vila a través dun percorrido que parte do Porto de Fisterra. A seguinte cita será con Estevo Creus quen, dende a praia de Langosteira, dará un recital poético. Para pechar ben o sábado, un concerto sen movernos da praia escoitando a Su Garrido Pombo. O domingo comezará cun paseo pola arquitectura partindo da Igrexa de Fisterra da man do artista Christian García Bello. O percorrido continuará no restaurante O Trebón, onde Pepe Formoso dirixirá unha comida comentada cun menú formado por produtos típicos da zona. Para baixar a comida toca un roteiro mariñeiro guiado de novo por Alexandre Nerium. E xa para rematar a fin de semana en Fisterra, un concerto da banda Os amigos dos músicos na praia da Langosteira.

Todos os detalles na web

As persoas interesadas en acudir a calquera das actividades poderán consultar o programa detallado no enderezo web desenfocarfisterra.performa.gal, onde tamén poderán reservar praza de forma individual para cada unha delas, a través do servizo Evenbrite. A reserva é obrigatoria para poder asistir aínda que, no caso de non encher a cabida antes dunha actuación, as prazas libres poderán cubrirse por orde de chegada.