“Estados Unidos persigue a 31 países acusados de pesca ilegal”. Antón Luaces

Agora que o buque “Cobija” e o seu capitán, o galego Pablo Costas Villar, actualizan o concepto de pesca ilegal, a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica de Estados Unidos (NOAA) ven de facer público o informe bienal de 2021 ao Congreso sobre a mellora da xestión da pesca internacional. Segundo este informe, Estados Unidos persigue a 31 países aos que acusa de exercer pesca ilegal.

Son 31 nacións e entidades que non aplican medidas comparables as de Estados Unidos na loita contra as actividades de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR) e a captura incidental de recursos mariños protexidos en alta mar, é dicir, pesca de grande altura.
Este informe da NOAA prioriza a revisión das capturas accidentais das tartarugas mariñas nas pesqueiras de atún  con palangre no Océano Atlántico xestionadas pola organización ICCAT que identifica, á súa vez, a 29 paìses ou entidades como deficitarios. Entre estes figuran a Unión Europea e Francia (como se Francia no formara parte da UE).
 No mesmo informe sinálase a nacións coma China, Costa Rica, Guyana, México, a Federación Rusa, Senegal e Taiwán, por teren buques involucrados en actividades de pesca INDNR no período comprendido entre os anos 2018 e 2020 (China, Guyana, México, Senegal e Taiwán foron identificados por actividades de pesca INDRN e captura incidental).
Este tipo de identificación tenta ser unha ferramenta, afirma a NOAA, “para apoiar unha conservación mariña internacional eficaz”. A Administración Nacional Oceánica estadounidense reafirma o seu compromiso  a traballar “con cada un dos 31 países e entidades identificados para reforzar as prácticas de xestión e aplicación da normativa pesqueira. A axencia determinará se certifica negativa ou positivamente a estes países no próximo informe ao Congreso, tendo en conta que unha certificación negativa podería conlevar restricións de acceso aos portos estadounidenses para os buques pesqueiros dos países sinalados e a posibles restricións á importación de peixe ou produtos pesqueiros.
No caso de México, este país  xa figuraba sinalado no informe do ano 2019 e ven de recibir unha certificación negativa no informe de 2021 por non reverter o fluxo de pequenas embarcacións que pescan legalmente en augas estadounidenses no Golfo de México.
Este informe norteamericano non semella ser o máis axeitado á realidade da pesca ilegal. Probablemente sexan países como Australia e Suráfrica os que máis inciden na denuncia contra a pesca INDRN;  no caso australiano -segundo algúns informes- na maior parte dos  denunciados fórono  a instancias da organización ecoloxista Sea Sepherd, principal fonte de acusación contra o mariñeiro galego Pablo Costas, capitán de pesqueiro “Cobija”, retidos capitán e barco -xunto con outros 31 tripulantes- desde vai once meses, no porto iemení de Al Mukalla.