Desde Outes a Xunta agradece ao sector pesqueiro e marisqueiro o seu labor na loita contra o lixo mariño.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na inauguración da exposición ‘Arte da mar’, composta por creacións elaboradas a partir de refugallos recollidos no litoral. A mostra poderá visitarse durante agosto no Náutico do Freixo

A mostra enmárcase dentro do proxecto Econoia e exhibe obras realizadas a base de residuos extraídos do ámbito mariño

 Inauguración da exposición ‘Arte da mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da exposición Arte da mar, onde salientou o importante labor desenvolvido polo sector pesqueiro e marisqueiro galego na loita contra o lixo mariño. A titular de Mar lembrou que os profesionais do mar están a participar activamente desde hai anos en proxectos como Econoia II -no que se encadra esta exposición de obras realizadas a partir de residuos recollidos no litoral- para a retirada dos refugallos atopados na costa e para concienciar á cidadanía da importancia de loitar contra este problema.
A representante do Executivo galego enxalzou especialmente o traballo realizado pola confraría de pescadores de Noia, promotora dos proxectos Econoia I -desenvolvido entre 2021 e 2021- e Econoia II -para este ano e o próximo- que contaron cunha axuda pública de preto de 400.000 euros para compensar distintas accións de loita contra o lixo mariño entre as que se encontran xornadas de recollida activa de residuos nas que participan arredor de 200 profesionais do marisqueo a pé.
De feito, o proxecto Econoia foi tanto o ano pasado coma este a iniciativa máis importante aprobada no marco da convocatoria de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños. Este ano a Consellería do Mar aprobou un total de oito proxectos por importe de preto de 345.000 euros -a distribuír nos anos 2021 e 2022- e ao Econoia II correspondéronlle preto de 200.000 euros.
Ademais, esas accións inclúen a recollida activa de lixo por parte de 383 profesionais do marisqueo a pé e cinco embarcacións e a confraría de Noia aporta máis de 200 desas 383 mariscadoras e mariscadores.
A titular de Mar lembrou que Galicia leva máis dunha década traballando na loita contra o lixo mariño a través do Plan Marlimpo e mediante outros proxectos como o CleanAtlantic ou a campaña de sensibilización Bye, bye plástico e animou aos profesionais do mar a seguir cun labor que conta co recoñecemento das institucións europeas.
Rosa Quintana destacou que a comunidade e o sector pesqueiro son un exemplo de traballo conxunto e de boas prácticas neste eido, tal e como destacou o propio Parlamento Europeo o pasado mes de marzo. “Un recoñecemento ao máis alto nivel para os promotores destas accións e especialmente a todos e cada un dos traballadores do mar
como aliados esenciais en garantir a sustentabilidade dos nosos recursos”, indicou a conselleira do Mar.
De feito, engadiu, ese traballo conxunto mediante a cogobernaza e a coxestión dos recursos mariños impregna todo o sector marisqueiro galego, como mostran a aprobación dos preto dun cento de plans de xestión de marisqueo de recursos xerais incluídos no Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023 e aos que se suman os plans de xestión de recursos específicos.
A mostra
A exposición Arte da mar está incluída no proxecto Econoia II da confraría de pescadores de Noia e está promovida polas entidades Mar de Fábula, Alivavá e Mar de Noia. Esta mostra está composta por diferentes creacións realizadas a partir dos materiais atopados nos bancos marisqueiros durante as xornadas de recollida de lixo mariño de Econoia I e
pensadas para concienciar á cidadanía sobre o dano que pode xerar o lixo no medio mariño.
Esta exposición chega ao Concello de Outes tras pasar por Noia e é unha pequena mostra do importante traballo de limpeza realizado a través do proxecto Econoia I, no que participaron preto de 200 profesionais mediante a recollida de preto de 45 toneladas de residuos de distintos tipos.

 Inauguración da exposición ‘Arte da mar