Costas do Estado e o Concello retiraron un vertedoiro ilegal en Outes nun espazo protexido

O Concello de Outes informou do remate dos traballos de limpeza e retirada dos residuos depositados nun vertedoiro ilegal situado no lugar de Espiñeiro. En concreto, a Demarcación de Costas del Estado en colaboración co Goberno local retirou varias toneladas de refugallos que ficaban depositados nun espazo que o Concello cualifica de “contorna de alto valor ambiental e ecolóxico no lugar de Espiñeiro, moi preto da Serra de Outes”. Este vertedoiro, segundo informaron fontes municipais, era un problema que levaba anos sen solución e ao que agora se lle pon fin.

O alcalde do municipio, Manuel González, agradeceu a colaboración prestada pola Demarcación de Costas de Galicia, do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfica, pola “súa involucración neste proxecto de preservación ambiental”. González López lembra que con “esta actuación avánzase no obxectivo de eliminarmos os vertedoiros ilegais que hai no concello e garantimos o coidado do medio natural”.

Desde o Concello de Outes informan que traballan coa Demarcación de Costas nunha proposta para poñer en valor este espazo natural pois “está inserido na rede de espazos naturais protexidos a escala da Unión Europea mediante a figura da Rede Natura 2000, coa que se pretende salvagardar os valores ambientais, hábitats, fauna e flora”.