“Celebrado o trixésimo aniversario da chegada a Galicia do helicóptero Helimer”. Antón Luaces

Luaces

O porto da Coruña foi o millor escenario imaxinado para conmemorar os 30 anos da chegada ao aeroporto de Alvedro -onde ten a súa base desde ese momento- do helicóptero de Salvamento Marítimo “Helimer”, participante  en numerosas accións de rescate e salvamento de náufragos en toda a costa galega, en moitas ocasións poñendo a proba a preparación dos seus tripulantes, capacidade da aeronave  e mesmo afrontando riscos que os levaron ata o estremo de saltar determinadas barreiras como foi, por exemplo, apurar ao máximo o combustible que levaban para tentar rescatar aos tripulantes dun pesqueiro a máis de   200 millas de distancia da súa base.

Numeroso público presenciou o simulacro realizado por Salvamento Marítimo para conmemorar este XXX aniversario do Helimer. Cidadáns coruñeses e visitantes concentráronse tanto na zona do Parrote coma no peirao de Trasatlánticos, nun ambiente que xa se perdera vai anos por mor do peche das instalacións portuarias ou, maís recentemente, polos efectos da COVID-19.

Testemuño impagable foi o fermoso buque noruegués de 98 metros de eslora, que data do ano 1014, “Statsraad Lehmkuhi”, que elixiu A Coruña coma primeira escala na expedición que o levará a percorrer 55.000 millas náuticas durante 20 meses e visitar 36 portos de todo o mundo. O seu obxectivo é realizar unha ambiciosa investigación sobre o estado dos océanos e novas vías de preservación, ao tempo que se convirte nunha universidade frotante, tanto para os alumnos que viaxan a bordo xunto con destacados científicos, como para compartir os achados en tempo real a través da web e redes sociais. Para todo isto está equipado o buque con instrumental e tecnoloxía de vangarda, que contrasta coas liñas clásica dun fermoso veleiro histórico. Amáis do “Statsraad Lehmuhl”, recaslaron tamén no porto da Coruña outras dúas embarcacións singulares: a goleta basca “Athyla”, que realiza expedición por todo o mundo, e o buque escola polaco “Kapitan Borchardt”. As tres embarcacións tiñan previsto participar na Regata de Grandes Veleiros, e malia a súa cancelación pola crise sanitaria mantiveron a súa escala na Coruña.

O “Helimer” (ata vai uns anos “Helimer Galicia”) veu destinado á sua base no aeroporto de Alvedro hai, como diciamos, 30 anos. Actualmente este servizo, que aborda as emerxencias marítimas da costa galega, conta con dous helicópteros xemelgos e un cadro de persoal duns 50 membros. Ao longo  destas tres décadas rescataron -como salientou o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado,- unhas 1.200 persoas.

Durante a espectacular operación de simulacro, que foi seguida por centos de persoas e rematou con grandes ovacións, un remolcador do servizo portuario lanzou os tradicionais chorros de auga. Simulóuse a evuación por vía aérea dun tripulantes a bordo dun buque de salvamento e, durante o exercicio, o avión de patrulla realizou un voo 360 sobre a cidade.